Escapadiña a Montpellier

Escapadiña a Montpellier

Gústame moito fuxir a Francia e a Portugal, son dous sitios aos que sempre quero voltar. Penso que é porque son dous lugares aos que fun moito de pequena e dos que gardo recordos de pura felicidade. Montpellier é unha cidade que namora, é xeitosa para ir camiñando e o tranvía fai que aínda sexa máis cómoda. Gustoume moito percorrer as súas estreitas rúas, as zonas verdes, a harmonía arquitectónica e o seu ambiente moderno. E como me gustou tanto, decidín escribir este pequeno artigo para contarvos algunha cousiña sobre a súa gastronomía e onde papar ben.

Oreilletes (Maison L’oeuf)
14 Rue du Faubourg de la Saunerie

Son típicas de Montpellier, xunto cos grisettes. (Os grisettes non os probei porque o regaliz non me gusta moito, por non dicir nada, mais se non é o voso caso, recoméndovos que os probedes, pois seica son a lambetada máis antiga de Francia). As oreilletes hanvos recordar ás nosas orellas de Entroido, mais cun sabor a limón e/ou laranxa. Son rectanculares, finas e moi crocantes.

Eu probeinas na pastelería Maison L’oeuf, moi recomendábel para esta e outras lambonadas. 100 gramos/4€

Chez Delagare
27 Rue Jules Ferry

Esta restaurante está ubicado moi preto da estación de tren de Montpellier, de aí o seu nome. Pódese reservar a través da rede e teñen tronas para cativos. O menú de mediodía cambia cada día, polo que o exemplo que vos poño aquí serviravos para ver a boa pinta que teñen os pratos e para que vos animedes a ir.
Ovo a baixa temperatura

Royale de champiñóns

Bacallau con verduriñas

Filete de black angus

Pera asada ao forno

Mazá asada rechea

Todos os pratos estaban boísimos, moi ben preparados e con produtos de tempada (castañas, cogomelos…). A carne e o peixe eran dunha calidade sublime, desfacíanse na boca como pura manteiga e tería repetido tanto dun coma do outro. As sobremesas lixeiras e sen moito azucre nin doces de máis. A atención moi correcta, amables e preocupados porque todo estuvera ben. Así dá gusto!
Prezo do menú: entrante, prato e sobremesa 29€ (con auga e café)

Bar Lipopette
7 Rue du Faubourg du Courreau

Ás veces comer un domingo nunha cidade na que case todo está pechado, faise complicado. O Bar Lipopette é unha moi boa opción se vos gusta o Brunch e non queredes caer en comida rápida. Tamén volo recomendo para comer ou cear calquera outro día da semana, mais eu só probei o brunch e estaba todo moi bo. Pódese reservar por Facebook e tamén teñen tronas para pequechos.
Prato salgado, acompañado por auga e té ou café. (Hummus, falafel, tempura de bacallau, fabas, ovo pochado, crema de queixo, pan, sopa, hamburguesa e ensalada)

Prato doce (froitas, tortiñas e biscoito con nata e sirope)

Prezo: 20€

Tanto o prato salgado como o doce estaban boísimos. Eu, como xa sabedes que o meu son as lambetadas, quédome coas tortiñas e os biscoitos, húmidos, cremosos e cun sabor incrible! Tamén destaco a súa amabilidade para explicarnos todo, preguntando se estaba todo ben, se nos gustara… Un pracer! Repetiría sen lugar a dúbidas.

Agardo que vos gustara este pequeno artigo sobre Montpellier. Se tedes calquera outra dúbida sobre que visitar ou algunha outra recomendación gastronómica, non dubidedes e preguntarme.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.