BLW: alérxenos, alimentos a evitar e recomendacións xerais

Baby-Led Weaning (BLW) – Alimentación complementaria regulada polo bebé

Alimentos potencialmente alerxénicos:

Con estes alimentos (froitos secos, cereais, especias, ovo…) o procedemento será algo diferente. Para descartar algunha alerxia, repetiremos a introdución destes alimentos durante 3/4 días. Por exemplo, teremos que ofrecer unha crema de cacahuetes durante 3 días seguidos, para descartar alerxias. Ademais de ofrecelos mellor durante a mañá, pois pola noite non poderemos controlar se se produce algunha reacción.

Na medida do posible, os cereais sempre integrais, podendo introducirse primeiro os cereais sen glute (arroz, millo, quinoa…) e despois os cereais con glute (trigo, kamut, espelta…) . [A avea non ten glute mais acostuma cultivarse xunto co trigo, así que ollo porque pode conter trazas, mirade ben o etiquetado]

En canto ao ovo, a clara acostuma a dar máis alerxias, polo que a introdución pódese facer de dúas maneiras. Ou ben en tortilla francesa ben callada e cortada en tiras (xa a partires dos 6 meses), ou ben a clara e a xema por separado. Por separado será máis recomendable se a pequena xa ten algunha que outra alerxia.

Alimentos a evitar:

  • Sal e alimentos en salmoira.
  • Embutidos, carnes procesadas e salchichas.
  • Azucre, doces, refrescos e bebidas con azucre, caramelos (xa non só polo azucre, senón tamén polo perigo de afogamento) e mel. (O mel en menores de 12 meses pode provocar botulismo)

Alimentos redondos, pois poden provocar que os pequenos se atragoen.

(Poden ofrecerse cortados ao longo en 2 ou 4 anacos – mellor en 4)

 

 

  • Café e infusións.
  • Algas.
  • Peixes grandes (atún, emperador, peixe espada, cazón…) Salmón e bacallau si.
  • Carne de caza (non dar ata os 6 anos porque o chumbo pode causar danos neuronais) e carne pouco feita.
  • Espinacas, acelgas, kale, relomacha… (as chamadas verduras de folla verde) non ofrecer ata os 12 meses porque teñen nitratos.
  • Cangrexos (e similares), crustáceos e cabezas de gamba (e similares) non ofrecer en toda a infancia, polo cadmio. O corpo da gamba, mexillóns, berberechos, ameixas… a partires dos 6 meses.
  • Froitos secos enteiros (pódense ofrecer en crema ou triturados – de elaboración caseira ou asegurarse de que sexa froito seco 100%)
  • Bebidas de arroz e lácteos (non ofrecer ata os 12 meses). A partires dos 12 meses, os lácteos preferiblemente enteiros (non desnatados nin baixos en graxas) e sen azucre.

**Agás os alimentos citados nesta listaxe, non hai razón para aprazar a introdución dalgúns alimentos, inclusive aqueles que son potencialmente alerxénicos, pois hai evidencias científicas que demostran que unha introdución temperá destes alimentos pode axudar a reducir a posibilidade de ter alerxia, aínda cando algún dos proxenitores é alérxico.

Recomendacións xerais:

  • Desfrutar ao máximo da experiencia, sempre con moito amor, agarimo e paciencia. Recordade que é importante que experimenten, manipulen e xoguen coa comida, respectando o seu ritmo e tendo en conta que son nenos.
  • Comer en familia. A cativada sempre está pendente de todo o que facemos, por iso é importante que o menú sexa o mesmo e que nos vexa comer.
  • O leite materno ou de fórmula será o alimento principal, polo que non pasa nada se algún día come menos ou tira máis comida da que come 🙂 De feito, é recomendable ofrecer a alimentación complementaria despois do leite (materno ou de fórmula).
  • Evitar darlle de comer cando teñan sono ou moita fame e mellor sempre pola mañá ou a mediodía, especialmente cando probemos alimentos novos ou alerxénicos.
  • Asegurarse de que o bebé está ben sentado e non atalos á trona, así en caso de afogamento, sacarémolo máis rápido.
  • Facer un curso de primeiros auxilios é moi recomendable, xa non só polo BLW e recordade que nunca deixaremos aos peques sen supervisión mentres comen.
  • Para que os niveis de ferro sexan correctos, cómpre tomar os alimentos ricos en ferro (carne, peixe, legumes, cereais…) xunto con alimentos ricos en vitamina C (froitas, hortalizas, verduras…), favorecendo a súa absorción.
  • Mercar un ‘babeiro‘ deses que son como camisolas e colocar un hule no chan por debaixo da trona.

Descargas: BLW – Táboa de control de alimentos

Información extraída de:

  • Aprender a comer solo, Lidia Folgar.
  • Sin dientes y a bocados, Juan Llorca e Melisa Gómez
  • Taller presencial de BLW – Bebé a la mesa.
  • Curso online de alimentación infantil de Juan Llorca e Melisa Gómez (Weloveyou Academy)
  • Curso online BLW de María Merino.
  • Recomanacions per a l’alimentació en la primera infancia (de 0 a 3 anys) – Agència de Salut Pública de Catalunya

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.