BLW: Definición, beneficios e primeiros pasos

Baby-Led Weaning (BLW) – Alimentación complementaria regulada polo bebé

Que é o BLW?

Como o seu propio nome indica, o BLW é un método mediante o cal os bebés comezan a alimentarse por si mesmos, sen necesidade de preparar purés e sendo eles mesmos os que manipulan e introducen os alimentos na boca usando as súas propias mans.

Cales son os seus beneficios?

Algúns dos seus beneficios son…

  1. Mellora da coordinación ollo-man-boca.
  2. Maior control da saciedade, pois son eles os que se autorregulan. Así, cando teñen máis fame, comen e cando xa están fartos, paran.
  3. Maior estimulación sensorial: exploración de sabores, olores e texturas.
  4. Menor rexeitamento dos alimentos ao probalos tal e como son.
  5. Promove o comer en familia. Tanto maiores como pequenos poden comer o mesmo e con nós. De feito, a mellor maneira de que coman saudábel é que nós tamén o fagamos.
  6. Aforro de esforzo e tempo, un mesmo prato valerá para toda a familia.
  7. Ausencia da transición de purés a sólidos.
  8. Aforro económico ao non ter que preparar algo específico para a cativada.
  9. A variedade de alimentos ofrecida é maior e ao mesmo tempo, polo que se acostuman desde ben pequenos a comer de todo.
  10. Maior independencia e capacidade de facer as cousas por si mesmos.

Cando comezar?

Para sabermos cando podemos comezar coa alimentación complementaria é importante ter en conta o seguinte: A pequena ou o pequeno…

  • Mantense erguida e sentada sen axuda (máis ou menos aos 6 meses, pode ser un pouco antes ou un pouco despois, dependendo de cada pequecha)
  • Perdeu o reflexo de extrusión, que fai que queiran expulsar os alimentos para fóra coa lingua.
  • Mostra interese pola comida.

Que alimentos tomar primeiro e como?

Non hai, polo momento, ningunha evidencia sobre que alimentos é mellor tomar primeiro, mais adoitase comezar con mazá asada, plátano, cenoria cocida, brócoli e coliflor (cocido ou ó vapor), pataca doce e pataca (cociñadas), aguacate, peras… E pódese continuar con legumes, peixe, carne, ovos, cereais… dando sempre prioridade a froitas e verduras, e tendo en conta a listaxe de alimentos a evitar da que falaremos no seguinte artigo.

Os alimentos (ata mínimo os 9 meses, que é cando os pequerrechiños comezan a aprender a facer pinza cos dedos) ofreceranse cortados en tiras, tendo como referencia de medida o noso dedo. Ou ben en anacos ben xeitosos, máis grandes que o puño do bebé.

Para saber se o alimento está suficientemente brando, poñerémolo no padal e faremos forza coa lingua. Se conseguimos desfacelo, estará no seu punto.

Algúns alimentos como o ananás ou a berenxena, conteñen histamina, o que pode provocar unha pequena reacción na pel dos pequechos. Se desaparece decontado, é unha reacción dentro do normal, se vedes que persiste, será preciso acudir ao médico para ver se se trata dunha reacción alérxica.

O ananás, ademais, ten outro compoñente chamado bromelina, que é o que provoca ás veces algo de proído na lingua e boca cando a comemos. É importante que estea ben madura, mais ter en conta tamén que isto pode provocar que non lle guste así de primeiras, ou lle produza proído e molestia.

En caso de dúbida, o mellor é consultar coa pediatra ou cunha nutricionista especializada en nutrición infantil, ou ben cunha asesora de BLW.

Información extraída de:

  • Aprender a comer solo, Lidia Folgar.
  • Sin dientes y a bocados, Juan Llorca e Melisa Gómez
  • Taller presencial de BLW – Bebé a la mesa.
  • Curso online de alimentación infantil de Juan Llorca e Melisa Gómez (Weloveyou Academy)
  • Curso online BLW de María Merino.
  • Recomanacions per a l’alimentació en la primera infancia (de 0 a 3 anys) – Agència de Salut Pública de Catalunya

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.