Viaxe gastronómica – LONDON – Gastronomic trip

Viaxe gastronómica: London

Xa era a segunda vez que viaxaba a Londres, así que desta vez, ademais de facer turismo, fun co firme propósito de demostrar que en Londres se pode comer moi ben. Si, si, non lestes mal, en Londres pódese comer ben e desfrutar da cociña inglesa. Sempre fun unha defensora da cociña británica, e iso, como ben sabedes, non é unha tarefa sinxela. Recoñezo que en Londres ás veces resulta complicado comer ben, hai cociñas de todo o mundo, e acabas por comer de todo menos cociña típica do sitio, que é algo que, polo menos a min, gústame moito. De todos os sitios dos que aquí vos falo, gustaríame destacar a amabilidade e a boa atención en cada un deles.

Dende o fish and chips ou as meat pies, ata o Afternoon Tea, iremos vendo onde degustar estes pratos tan sabedeiros en diferentes zonas da capital inglesa. Iso si, tamén vos falarei dun restaurante onde comer unhas crepes bretonas de infarto! 😉 Non todo ía ser comida típica, non si? 😛

CAMBRIDGE STREET KITCHEN

Dirección: Este restaurante atópase no 52 de Cambridge St, Pimlico, a só uns 20 minutos a pe de Buckingham Palace.
Comensais: 4
Prezo: uns 120 euros en total
Hora: cea

É un restaurante máis ben pequeneiro, algo ruidoso e moi cheo de xente. Pódese reservar a través da web e teñen unha variedade de menús dependendo de se imos xantar ou cear. Tamén ten pratos para facer un bo brunch e opcións vexetarianas e veganas. E estes son os pratos que probamos!

PARA COMPARTIR

Ensalada de queixo burratta

O queixo burratta estaba espectacular! O sabor era suave e casa moi ben co resto dos ingredientes que tiñan un sabor máis forte. Un entrante perfecto.

SEGUNDOS PRATOS

Bacallau con brotes de brécol, chícharos, pasas e granada (entre outros)

O bacallau estaba no seu punto e pouco feito polo medio, que é algo que a min me gusta especialmente, mais sen estar cru. O acompañamento a min non me gustou demasiado porque era algo doce, mais outro comensal dixo que estaba de vicio! Iso xa a gustos, como vedes. O anaco de bacallau era xeitoso e non se quedaba con fame.

Peituga de parrulo con ruibarbo, compota de xenxibre e ravo

O parrulo estaba moi bo, nada seco, cuns bos anacos e un acompañamento que lle quedaba moi ben.

Solombo de porco con shiitakes e ceboliñas

Un dos pratos máis saborosos que probamos. A carne estaba moi tenra e case se desfacía na boca. O acompañamento era ideal e tiña un prebe como de viño que lle quedaba moi ben.

SOBREMESA

E chegou a hora das sobremesas, a verdade é que como os pratos eran tan completos, non había moito sitio para a sobremesa, e mira que somos 4 lambóns de coidado.

Xeado caseiro de chocolate

O título xa case o di todo, o xeado caseiro xa é espectacular, e sendo de chocolate… aínda máis!

Mousse de chocolate cun crumble de galleta de chocolate, lima e xeado de caramelo salgado

Esta sobremesa foi unha pasada, así que por favor deixade un pequeno oco para probar esta ou calquera das outras lambetadas que teñen porque paga ben a pena.

MAMIE’S

Dirección: Este restaurante atópase no 19 de Catherine St, a 3 minutos a pé de Covent Garden.
Comensais: 4
Prezo: uns 80 euros en total
Hora: xantar

Este restaurante é típicamente francés, tanto que será a lingua que escoitedes en canto levedes alí uns minutos. As crepes sempre son unha boa opción cando estamos de viaxe, e acostuman a gustarnos a todos, tamén aos máis cativos. Todas as crepes as fan no momento e están sabrosísimas tanto as salgadas como as doces. Para pedilas, farémolo mediante unha tableta e así poderemos ver con calma os ingredientes de cada unha delas.

GALETTES SALGADAS

Galette Complète

Galette con champiñóns, xamón, queixo e ovo. Tódalas galletes están feitas con trigo mouro, que é como as fan na Bretaña. E o certo é que saben tan ben, que case que tanto ten o que lle poñas por riba 🙂

Galette Bonaparte

Esta galette levaba xamón, queixo, patacas e creme fraîche, unha combinación moi orixinal e moi saborosa.

Galette Baudelaire

Esta galette levaba salmón, crema fresca,… Unha galette cun toque máis fresco e que acabou como as outras, no bandullo de todos nós.

SOBREMESA

CREPES DOCES

E como non podía ser doutra maneira, de sobremesa hai que probar si ou si as crepes doces. Todas incribles. Mais tamén teriades que deixar algo de fame para o café.

Crepe de mazás asadas, xeado de vainilla e améndoas con manteiga de caramelo

Crepe de peras asadas, xeado de vainilla, manteiga de caramelo e noces pecanas acarameladas

Café gourmand

Como vedes na foto, este café non vos é coma outro calquera. Como pon na carta, podedes ou ben preguntar que leva, ou ben agardar pola sorpresa. E así foi como fixemos, polo que para deixarvos tamén coa intriga, non direi nada do que leva.

THE VICTORIA PADDINGTON

Se hai algo que case o 100% das veces é certo é que nos pubs ingleses cómese de marabilla. Iso si, tamén é certo que acostuma a haber diferenzas entre uns e outros, aínda tendo o mesmo menú, pois evidentemente quen cociña non é a mesma persoa, polo que vos recomendo sempre botar un ollo ás opinións na rede.
Este típico pub inglés con moitos anos de historia atópase moi preto de Hyde Park e do barrio de Paddington, que seguramente vos soará polo oso Paddington. Se tedes pícaros, esta visita é imprescindible (hai osos por toda a zona).

Dirección: Este restaurante atópase no 10A de Strathearn Pl, a 6 minutos camiñando de Hyde Park.
Comensais: 4
Prezo: uns 100 euros en total
Hora: xantar

O pub é realmente precioso e tamén poderedes degustar algunha que outra pinta de cervexa inglesa. Recomendación: unha pinta de ESB.

PARA COMPARTIR

Confit de coello con perexil e ensalada

Viña sendo como un paté de carne de coello que era moi suave, con moito sabor, sen chegar a ser pesado, e unha textura moi agradable. Encantounos!

PRIMEIROS PRATOS

Fish and Chips (de pescada)

Se de verdade queredes probar un dos pratos típicos, facédeo neste pub! O empanado non era nada aceitoso, moi crocante e o peixe no seu punto e con bo sabor. O acompañamento, o que toca: patacas e chícharos.

Empanada de carne de chourizo e polo

Esta foi a primeira meat pie que probamos e si, estaba moi boa, especialmente rico o puré de patacas (xa me gustaría saber como o fan) e viña tamén cun prebe de carne riquísimo.
Iso si, para probar as meat pie, eu sen dúbida faríao no The Red Lion (do que vos falo máis abaixo).

Ensalada de carneiro, queixo feta, avelás e granada

Este prato viña frío e era unha ensalada na que viña a carne do carneiro acompañado de verduras e froitos que combinaban á perfección.

Salmón á tixola con brizo, leituga á grella, paté de olivas e prebe de pasas.

A persoa que tomou o salmón dixo que estaba boísimo, no seu punto e cun acompañamento que lle quedaba moi ben.

SOBREMESA

Dende que vin a carta, tiña claro que ía probar o Sticky Toffee Pudding, así que aí o tendes.

Un biscoito moi húmido, cun prebe de caramelo cun sabor intenso e un xeado tamén de caramelo que casa perfectamente no sabor e axuda a darlle un toque fresco ao prato.

Tarte Tatin

De novo, boísima, co seu cunquiño de crema para acompañar e o xeado de vainilla.

Pastel de chocolate sen fariña

Un pastel cunha textura e sabor moi semellantes ás do brownie e que viña cun xeado cun toque cítrico de laranxa confeitada que lle quedaba incrible.

Non perdades as sobremesas!

THE SWAN (THE GLOBE)

A Midsummernight’s Dream Afternoon Tea

Aqueles que me coñezades, ou que xa levades uns aniños lendo o blogue, saberedes que ademais de lambona 100%, son profesora de inglés na secundaria, polo que, para min, The Globe sempre é unha visita obrigada e que sempre recomendo. E se podedes ver unha obra, mellor aínda.
Isto, xunto coas miñas ganas de facer un ritual british por excelencia, como é o Afternoon Tea, deron lugar a que foramos ata The Swan (o restaurante pertencente ao Globe) para probar estes manxares.

Dirección: no 21 de New Globe Walk, a 1 minuto camiñando dende The Globe, e a uns 10 de Sant Paul’s Cathedral.
Comensais: 4
Prezo: 28.50 £ por persoa
Hora: xantar

O Afternoon Tea do Swan comeza ás 12 e pódese tomar ata as 3. Nós fixemos unha reserva previa para as 2 e media.

Como o Afternoon Tea é temático e está relacionado con Shakesperare e a súa obra A Midsummernight’s Dream (Soño dunha noite de verán), déixovos algunhas fotos cos detalles da vaixela e o menú.

En canto ao menú, hai dúas opcións, que eu resumirei como máis doce e máis salgada. A de Midsummer ten doce e salgado, mentres que o menú dos Gent’s é todo salgado. Nós pedimos dous de cada e se teño que escoller, quedo co salgado.

Para comezar, ofrécenvos auga (de balde) e teredes que escoller tamén que tipo de té queredes para acompañar. Tráenvos as teteiras e déixanvos na mesa un pequeno coador para que as herbas non caian na cunca. Nós pedimos: Earl Grey, Spiced Chai (Latte), Egyptian Mint e White Pear and Ginger.

A Midsummednight’s Dream Afternoon Tea

Piso inferior

O piso inferior era o piso salgado: unha mini quiche de porros e cogomelos (un sabor de 10!), unha mini torrada de centeo con salmón e manteiga, un sándwich de xamón e mostaza e un pan recheo de ovo, maionesa e brizo.

Piso intermedio

O seguinte piso era o piso dos scones, que viñan acompañados de manteiga e marmelada. (Este foi o que menos me gustou porque os scones non son santo da miña devoción, mais a quen lle gusten, de sabor estaban moi ben).

Piso superior

E, por último, o piso máis doce: torta de framboesa, mousse de chocolate (si, a bolboreta tamén se come), un macaron e uns vasiños de iogur e marmelada de amoras.
Os doces estaban moi bos, pero para min empalagosos de máis. Tamén é certo que xa levaba no corpo todo o demais 🙂

Gent’s Afternoon Tea (ou Brunch)

Este menú, segundo xa nos contaron ao principio, é máis tipo brunch, é dicir, todo salgado.

Traía un sándwich Croque Monsieur, un Scotch egg (un ovo cocido envolto en carne), un scone recheo de Stilton, un “paté” de salmón con pan torrado, un sándwich de peixe empanado e unha mini hamburguesa de tenreira.

Ambos comensais dixeron que estaba todo boísimo, mais que había que ir con fame porque era contundente. O croque Monsieur foi todo un éxito, así como a hamburguesa ou o salmón, mais deixaron claro que era difícil escoller que estaba mellor. Todo de 10.

A miña recomendación é pedir un de cada e compartir, así teredes doce e salgado na súa xusta medida. Iso si, levade fame 🙂

The Red Lion Ale & Pie

Como xa di o nome, neste restaurante son especialistas en Pies (empanadas de carne) e aquí é onde teredes que probalas si ou si. Ademais, está moi céntrico e sempre ven ben saber de sitios cerca do centro onde se come ben.

Dirección: Este restaurante atópase no 48 de Parliament St, a 6 minutos a pe da Abadía de Westminster e a 4 do Parlamento.
Comensais: 4
Prezo: uns 90 euros en total
Hora: xantar

PRATOS PRINCIPAIS

Steak and London Pride Pie

Se vos gusta a carne de tenreira guisada con cervexa, pedida esta pie sen pensalo! O recheo está espectacular, e a masa non é nada pesada. Aquí podedes escoller entre patacas fritidas e puré de pataca, mais o puré está de vicio. De novo, acompañado por un prebe de guiso de carne que lle queda xenial ao puré. Creo que foi un dos pratos que máis me gustou de todo o que comín en Londres.

Ale & Pie Tasting board

Se sodes ademais seareiras da cervexa, podedes pedir esta marabilla de prato. Unha combinación de tres mini pies e 3 cervexas inglesas. As Pies son de polo ao curry, vexetariana con espinacas, cabaza e queixo, e de carne de tenreira con cervexa. Todo acompañado, como non podía ser doutra maneira, polo puré de patacas e o liquor pie (un prebe de pirixel). Ademais a presentación é moi orixinal, va que si?
As cervexas eran: London Pride, ESB e Honey Dew.
Non quedou nada, nin de cervexas nin de pies, así que debe ser que estaba todo moi bo.

Mais como non todo na carta son pies…

Salmón con tomate, cassoulet e coandro

Un prato moi ben preparado e cuns ingredientes que, aínda que a priori semella que non quedarían moi ben, fabas con salmón, forman unha moi boa parella.

Filete de xamón con ovo de parrulo pochado, patacas e ensalada.

A única pega deste prato foi que viña un chisco salgado de máis, mais o punto era perfecto, así como os acompañantes e o ovo de parrulo.

De sobremesa, volvimos caer na tentación do sticky pudding, que compartimos entre todos porque estabamos moi fartos 😀

Como fomos durante a Pascua, tamén tiñamos que probar os Hot Cross Buns, uns boliños típicos de Pascua recheos de pasas e cunha cruz por riba. Buscade unha pastelaría onde os fagan caseiros porque están moito mellor.

E ata aquí esta pequena guía gastronómica de Londres. Como vedes, son todo restaurantes moi céntricos e ao carón dos sitios máis turísticos. A min gustáronme moito todos e se vos gusta probar pratos típicos, teredes a oportunidade de probalos en sitios onde están moi bos. Se queredes calquera outra recomendación sobre como organizar unha escapada a Londres en 4 días, non dubidedes en poñervos en contacto comigo. Enjoy! 😀

2 thoughts on “Viaxe gastronómica – LONDON – Gastronomic trip

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.