Restaurante A MACETA

Restaurante AmacetA

Sendo eu do Barrio de San Pedro xa tardaba probar este novo restaurante co seu recente premiado cociñeiro Jorge Gago. Xa había tempo que lle tiña ganas, mais por unha cousa ou por outra, non tiven oportunidade ata o de agora, ademais, quería ir con máis xente para poder probar máis cousiñas e contarvos 🙂 En xeral, saímos todos (os 4) encantados. Houbo pratos que nos gustaron máis que outros, mais todos repetiriamos sen dúbida. A continuación contareivos cales foron os pratos que probamos e cales nos gustaron máis. Imos aló!

Restaurante AmacetA

Rúa de San Pedro, 120

Comensais: 4

Hora: mediodía

Como queriamos probar un pouco de todo, decidimos pedir todo para compartir. Como suxestións do día, había magret de parrulo e tiradito de salmón. Tamén había opción de menú por 12 euros, mais nós pedimos da carta.

E isto foi o que probamos:

  • Lagostinos crocantes con griviche

Os lagostinos viñan quentes e empanados con panko ou algún tipo de pan relado groso. O prebe era tipo maionesa, mais con sabor a mostaza (de feito podíanse ver e saborear as sementes da mostaza). Os lagostinos eran ben sabedeiros e estaban no seu punto xusto. O prebe quedáballe ben, mais sen el, tamén estaban de marabilla. Foi un prato gabado por tódolos comensais.

  • Zamburiñas con vinagreta de lima e mazá

As zamburiñas acostuman a ser sempre un acerto e, desta vez, tamén foi así. O toque de lima e de mazá quedáballe estupendamente ben a unhas zamburiñas xa de por si saborosísimas.

  • Sashimi de xurelo

Este foi un dos pratos que máis eloxios recibiu e ata remollamos o pan no prebe do bo que estaba. Eu que devezo polo peixe cru, nunca probara os xurelos así, e teño que recoñecer que saben de medo!!! O mariñado estada de vicio e é un dos pratos que recomendo encarecidamente. Probádeo!!!

  • Tiradito de salmón

Este prato, típico do Perú, segundo nos explicaron, é un prato moi fresco. Leva salmón afumado, aneto, pemento e algún que outro ingrediente máis. Son un pouco desastre para recordar tódolos ingredientes, mais así xa tedes desculpa para ir. Estaba moi bo, mais non me sorprendeu.

  • Dim Sum de touciño fresco

Este é o prato que vos recomendo si ou si. Xa sabedes que o meu punto débil son as gyozas, dim sum, empanadiñas ao vapor, ou como lles queirades chamar. Mais neste coincidimos todos, incluso a metade dos comensais, que nunca as probara antes, concordou coa opinión dos outros dous, que xa somos adictos confesos destas cousas. De feito, despois de probar tódolos pratos que xa pediramos, volvemos pedir outro destes. Con isto xa vos digo todo. A masa, o recheo e o prebe están espectaculares! Nada que engadir!

  • Yakitori de porco de castaña con couscous

Este foi un dos pratos que menos gustou. É un prato que non sorprende comparado cos demais. Para min, a carne estaba un chisco seca de máis e o couscous non acabou de encantarme. Tamén creo que perde en comparación co nivel do resto dos pratos, polo que a miña recomendación sería que probásedes calquera dos outros antes ca este.

Despois de pedir outra ronda de dim sum, chegou outra das miñas partes favoritas: a sobremesa!!! Como eramos 4 e hai 4 sobremesas, fomos a por todas! Por recomendación do camareiro, e moi atinado, fomos probando as lambetadas unha a unha, para poder degustalas entre todos con calma. Aquí poñereinas segundo a clasificación que fixemos ao rematar a ‘degustación’ comezando polo que menos gustou e rematando polo que máis, dentro de que todos están  moi ricos.

  • Chocolate

É raro que a menos gustara fora precisamente unha lambonada de chocolate, mais, como xa comentamos co camareiro, hai que ser moi tola polo chocolate. Leva unha galleta desfeita de chocolate, con fideos de chocolate, biscoito de chocolate amargo, xeado de chocolate, unhas pedriñas tamén de choco, un chisco de sal e amaretto. Á maioría de nós non nos aquelou moito o sabor do amaretto e a min faltábame un toque algo fresco, mais iso xa é unha cuestión moi persoal. Xa vos digo que foi o que menos gustou dentro de que gustaron  moito todos.

  • Sobremesa das Indias

Unha sobremesa moi orixinal, cunha galleta con 5 especias chamada ras el hanout que quedaba de medo co xeado de coco, o leite de coco en escuma, o biscoito, as framboesas liofilizadas, os arandos, a laranxa acaramelada e algún que outro toque cítrico que non recordo. Sinto non poder poñervos todo exactamente. Para a próxima, prometo levar algo para apuntar porque con tantos matices, sempre esquezo algo! De verdade que esta sobremesa entraba soa, semellaba mentira que unhas especias que a priori asocias con sabores salgados queden tan ben nunha sobremesa.

  • Torrada acaramelada e curry

Devezo polas torradas de brioche ou de pan doce e se son acarameladas coma esta, mellor. Esta sobremesa probámola antes que a das Indias e xa nos encantou a galleta desfeita co toque de curry e o ben que quedaba o contraste co xeado de vainilla. Todo en si estaba moi bo, non só pola combinación de sabores, senón tamén de texturas: o suave do xeado, o crumble máis areoso, o caramelo moi crocante e a torrada suave e húmida. Un pracer para os sentidos.

  • Alfábega e citricos

E o premio á sobremesa máis saborosa levouno esta lambonada de cítricos. Tamén hai que dicir que estar papando no xardín nun dia de calor fai que esta lambetada aínda se deguste mellor, polo que creo que tamén é unha das razóns polas que está no número un. O biscoito é moi lixeiro con améndoas e claras, cunha crema de chocolate branco e alfábega, un xeado de cítricos, unhas perlas cunha textura de xel con sabor a cítricos, unhas gotas de mango (que se ven aí pequenas en cor amarela) e un ‘caldiño’ tamén de cítricos que lle engadían arredor ao prato. O biscoito era sinxelo e cheo de sabor. Todo o conxunto era marabilloso e casaba todo moi ben. O chocolate branco e a alfábega todo un acerto. Non deixedes de probalo porque non vos arrepentiredes!

En definitiva, tódalas sobremesas son de 10! Este podio é totalmente subxectivo, polo que se podedes, probádeos todos e contádeme! 😀

Prezo final (con pan, 2 botellas de auga e dúas copas de Cividade): 118,30€

Dicirvos, a propósito do café, que ademais de que fomos invitados pola casa (e non, non foi porque souberan nada de nada do blogue, que aínda non son tan famosa, xa me gustaría, hihihi!) e falando do café de pota, o camareiro comentounos que estaban a mirar e probar cafés de diferentes orixes para nun futuro poder elaborar café cunha ‘cafeteira’ chemex, que funciona con filtros e dá un café moi semellante ao de pota. Volveremos para probalo!

Aproveito de paso para agradecer ao camareiro a súa disposición para explicar tódolos pratos, resolver todo tipo de dúbidas culinarias e o seu interese polas nosas opinións. Ademais de a todo o equipo de cociña, claro! Nótase que hai moito traballo detrás de cada prato.

Sen máis, non me queda outra que recomendarvos que vos pasedes polo Barrio de San Pedro e lle fagades unha visita ao restaurante A Maceta, estou segura de que concordaredes comigo e que pasará a ser un dos vosos imprescindibles de Compostela.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *