Imos descubrindo pouco a pouco que hai vida máis aló do sushi e que a gastronomía xaponesa é, aínda, unha grande descoñecida. E é que a culinaria xaponesa é quen de facer que un filete empanado sexa unha comida doutro nivel. E iso como? Pois facendo todo o proceso con moita calma, cariño e unhas dicas que fan que o tonkatsu, aínda sendo un prato ben sinxelo, acabe sendo unha delicatesen.
Para acompañar, un cunco de arroz, sopa miso e repolo cortado ben finiño. E aínda que todo é opcional, de seguro que a experiencia completa vos ha conquistar. Os ingredientes, moi sinxelos de atopar. Aquí o importante é o proceso. Facer todos os pasos e empregar, iso si, unha carne de calidade. O máis complicado de atopar pode ser o panko, mais hoxe en día, penso que se pode atopar en case calquera supermercado.
Ingredientes para 4 persoas
4 costeletas de porco
Sal e pementa negra
Fariña
Ovos
Panko
Aceite de xirasol
Preparación
- Comezamos mollando lixeiramente o panko. Se tedes un pulverizador de auga, mellor. Se non, intentade botarlle auga pouquiño a pouco. Iremos mollando e remexendo cun garfo ou uns pauciños, ata que vexades que está húmido por igual. Deixamos repousar 15 minutos.
- Sacámoslle o óso ás costeletas.
- E facémoslle un corte por todo o redor da costeleta para evitar que despois se encolla ao fritilo.
- Despois, coa parte contraria ao fío do coitelo, imos dándolle golpes para que fiquen máis tenras.
- Botamos sal e pementa por ámbolos dous lados.
- Pasamos por fariña, sacudindo o exceso.
- Mesturamos 1 ou 2 ovos cun chorriño de aceite de xirasol. Batemos e pasamos as costeletas polo ovo.
- Pasamos cada costeleta polo panko xa húmido. E deixamos que repouse durante 10 minutos.
- En aceite ben quente, fritimos as costeletas 1 minuto por cada lado.
- Deixamos repousar en vertical (para que caia mellor o aceite extra) sobre papel absorbente mentres imos fritindo as outras.
- Cando xa estean fritidas, fritimos de novo. Desta vez, 30 segundos por cada lado.
- Deixamos sobre papel absorbente de novo.
- Poñémolas sobre unha táboa e cortamos en tiras.
E xa teriamos preparado o noso tonkatsu. Podemos acompañalo con prebe de tonkatsu, mais en realidade non lle cómpre. A min gústame cun pouquiño arroz. E se podedes preparar unha sopiña miso nun día de frío… será un xantar do máis sabedeiro. Con estas dicas que vos deixo sae un tonkatsu moi crocante e moi tenro. O toque de pementa dálle moi bo sabor, polo que aínda que non sexades moito de pementa, probade.