Hai poucos pratos da gastronomía portuguesa que non me gusten. E cada vez que teño a sorte de ir de visita, aproveito para ir probando cousiñas novas. E voltar caer na tentación das que xa coñezo, e polas que devezo, como as natas. Os rissóis probeinos por primeira vez este verán, durante a miña visita ao Porto. Non sei por que non me cadrara de probalos antes. Mais o noso foi amor a primeira vista. Porque é un petisco que, en canto o vés, sabes que che vai prestar. E cando o probas, só queda confirmalo.
Eu fixen a versión con gambas, mais podedes facer outros recheados, como de polo. A receita na que me inspirei é unha que atopei nun libro de gastronomía portuguesa que merquei na última viaxe. Eu modifiqueina un pouquiño para darlle máis sabor a gamba e a verdade é que quedaron boísimos.
Saen uns 16 rissóis moi crocantes por fóra e moi suaves e cremosos por dentro. Nós fixemos uns poucos e o resto conxelámolos. Así consérvanse moi ben e xa os tedes preparados para outra ocasión. Despois só hai que fritilos a lume máis lento para que queden ben quentiños por dentro e xa está. Como é un proceso un pouco longo, compensa facer máis cantidade e conxelar…ou comelos todos, claro!
Ingredientes
- Para a masa
375 gramos de fariña triga
450 ml de auga
50 gramos de manteiga
1 ovo batido
pan relado
aceite para fritir
- Para o recheo
500 gramos de gambas sen pel crúas
1 cebola
1 dente de allo
600 ml de leite
70 gramos de fariña triga
60 gramos de manteiga
pirixel picado
sal ao gusto
PREPARACIÓN
- Preparamos a masa: poñemos ao lume a auga e a manteiga.
- Cando ferva, botamos a fariña dunha soa vez.
- E remexemos sen parar ata que a masa faga un bolo e se despegue con facilidade da tixola.
- Polvillamos fariña nun cunco, botamos a masa e deixamos que arrefríe.
- Preparamos o recheo: dos 500 gramos de gambas, separamos 25 e cortámolas en anacos grandes co coitelo. Se son pequeniñas, podemos tamén deixar algunha enteira. As outras, picámolas nunha picadora.
- Derretemos manteiga nunha tixola e engadimos a cebola e o allo picados moi finos. Engadimos tamén as gambas.
- Deixamos que se fritan durante uns minutos e as gambas vaia soltando auga.
- Despois botaos a fariña e mesturamos todo moi ben, fritindo un chisco a fariña coa mestura de gambas.
- Engadimos o leite, remexendo sen parar ata que a mestura fique cunha consistencia de bechamel espesa, como para unha lasaña.
- Apagamos o lume e engadimos o pirixel picado. Probamos e salgamos, se fora preciso. (Pode ser que as gambas xa lle deran sabor salgado e non se precise engadir máis.)
- Botamos a masa sobre un cunco e deixamos arrefriar un chisco. Eu fixen a masa e o recheo pola mañá e o resto do proceso pola tarde.
- Polvillamos a mesa de traballo con fariña, poñemos un anaco de masa e estiramos coa axuda do rolo. Botamos unha cullerada de recheo sobre a masa.
- Tapamos con outra pouca masa.
- E cun cunco pequeno dámoslle forma de media lúa. Repetimos este paso ata que acabemos a masa e o recheo.
- Pasamos os rissóis por ovo batido.
- E polo pan relado.
- E fritimos na tixola con abundante aceite de oliva ben quente ata ficaren dourados. Escorrémolos e deixámolos sobre papel absorbente.
Eu non o fixen, mais hai quen lle bota una anaco de pel de limón na auga que se pon a ferver coa manteiga da masa dos rissóis, por se queredes probar. Os rissóis fican moi crocantes por fóra e moooi cremosos por dentro. A verdade é que quedaron moi sabedeiros. Non vos vou negar que o proceso de preparación é un chisco longo, mais de verdade que paga a pena cada minuto que empreguedes en facer esta receita.