Galette de figos, feta e mel

A figueira está que non pode ter máis figos. E eu, feliz. Adoro os figos. Cómoos así enteiros, con pel e todo. Non teño moitas lambetadas cos figos porque xa os como todos así, segundo os vou sacando da figueira, entón nunca me dá tempo de facer nada con eles. Mais desta vez, como tiña convidados, pensei en que unha sobremesa con figos estaría moi ben. O caso era pensar que facer. Ollando libros de cociña que teño pola casa, atopei unha receita de galette con amoras e queixo azul. Pareceume unha combinación boísima e pensei en facer unha versión de galette de figos.

galette figos

Como os figos adoitan ir da man co feta, a elección do queixo estaba sinxela. E se a todo esto, lle poñemos un bo chorro de mel e uns froitos secos, non hai nada mellor. Eu boteille pistachos porque os tiña na casa, xa pelados, e a tentación era forte. Mais postos a poñer froitos secos que adoitan ir cos figos, as noces son sempre unha boa escolla.

galette figos

A masa da galette fíxena caseira. É unha masa sinxela de facer, pois non hai que amasar, faise axiña e pódese facer dun día para outro. O tempo de enfornado é pouco e o resto dos ingredientes só hai que botalos sobre a masa e xa está. Como era a primeira vez que a facía a galette de figos (e para poder poñer as dúas á vez no forno, hai que dicir a verdade), fixen dúas, unha máis aberta e outra máis pechada. Algo no forno, abren. Así que se queredes que quede máis pegadiña, tedes que subirlle máis beira, porque despois de enfornar, estará máis aberta. É unha lambetada relativamente saudábel, pois se non lle botades o mel, pouco azucre leva (1 cullerada).

galette figos

IngredientEs para 2 galettes pequenas

  • 200 gramos de fariña do país (ou triga normal)

  • 1 culleradiña de sal

  • 240 gramos de manteiga ben fría

  • 120 ml de auga moi fría

  • 120 gramos de nata aceda (120 ml de nata + zume de 1/2 limón)

  • zume de 1/2 limón

  • figos*

  • 250 gramos de queixo feta

  • 1 ovo

  • 2 cullerada de azucre moreno

  • mel ao gusto

  • froitos secos picados. Eu empreguei pistachos

*non especifico a cantidade de figos porque os collín da figueira e despois só aproveitei os anacos do medio. Os pegados ao rabecho e mailos outros, cominos. Entón non sei exactamente cantos figos precisamos. Diría que uns 15 debían chegar, para as 2 galettes.

PREPARACIÓN

  • O máis importante é ter xa na neveira a auga para que arrefríe. E preparar a nata aceda para a preparación da masa. A masa pódese facer un ou dous días antes e gardala na neveira. Onde terá que estar, como mínimo, unha hora. Para facer a nata aceda, só temos que mesturar a nata co limón e bater ata que quede como nata montada. Deixamos repousar 10 minutos, mentres imos preparando o resto dos ingredientes.
  • Nun cunco, xirgamos a fariña e engadimos o sal.galette figos
  • Cortamos a manteiga ben fría en cubos, botámola sobre a fariña e comezamos a mesturar coas mans ata que teña unha textura de pan relado ou area mollada.galette figos
  • Cando a nata xa estea preparada, engadímoslle o zume de limón e mais a auga fría. Mesturamos ata que estea todo ben integrado.galette figos
  • Mesturamos a mestura líquida e mais a da fariña e amasamos lixeiramente, ata que estea todo compacto. Sen amasar de máis. galette figos
  • Pesamos a masa e dividimos entre 2 para ter dúas bólas de masa co mesmo peso. Envolvémolas en papel transparente e á neveira durante, mínimo, unha hora.
  • Poñemos o forno a 180ºC con calor por arriba e por abaixo. Sacamos as masas da neveira, enfariñámolas un pouco e poñémolas entre dous papeis de forno, lixeiramente enfariñados.galette figos
  • Co rolo de amasar, imos estirando a masa. Cando estea ben estirada, sacamos o papel de forno da parte superior. Para que quede cunha forma redonda perfecta, eu collín un prato, púxeno enriba da masa e marquei a circunferencia. Podedes facela máis ou menos grande, mais que non quede unha masa finiña de máis. Tamaño prato é perfecta.galette figos
  • Esfiañamos o queixo e botámolo sobre a masa.galette figos
  • Cortamos os figos en rodelas e ímolas colocando sobre o queixo. Deixando en ámbolos dous casos, unha beira sen nada, para despois poder pechar.galette figos
  • Pechamos a galette con moito coidado, dobrando de cando en vez a masa para que quede ben pechadiña.galette figos
  • Batemos 1 ovo e pintamos as beiras da masa.galette figos
  • E despois polvillamos azucre moreno por riba do ovo todo arredor, e mais un chisco por riba dos figos.galette figos
  • Poñémolas na bandexa do forno, así co papel de forno por abaixo. Como xa vos dixen, eu fixen dúas. Unha máis aberta e outra máis pechada. Facédea como máis vos guste, tendo en conta que abren algo no forno.galette figos
  • Enfornamos a 180ºC durante uns 40-45 minutos. Eu despois apaguei o forno e deixeinas dentro, para que secara o zume que botaron os figos.galette figos
  • Cando xa estean mornas ou frías, botámoslles un bo chorro de mel por riba (recordade que case non levan azucre. E os figos son larpeiros de mel) e os froitos secos picados. No meu caso, os pistachos.

Eu fixen dúas porque unha era pouco, tendo en conta que había convidados. Cada galette dá para 6 anacos pequenos. É dicir, para 2 ou 4 persoas. Así que se só queredes facer unha, só tedes que dividir os ingredientes da masa á metade. E sairá perfectamente. Calquera combinación de froita-queixo, ou só froita, ou calquera que se vos ocorra, de seguro que ha quedar de marabilla con esta masa. Non vos asustedes se vedes que hai líquido sobre a masa da galette. O normal é que a froita solte zume, despois secará, non vos preocupedes. Dependendo do queixo que empreguedes, podedes poñer un pouco a galette a gratinar e que o queixo quede torradiño. Ou facela só de froita. A masa queda cun sabor e unha textura similar á do follado, polo que calquera recheado, lle ha quedar de marabilla.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.