Torta de estrugas e mascarpone

Cando fixen a quiche de estrugas, xa me daba voltas pola cabeza a idea de facer unha torta de estrugas. Como cando as fixen, o seu sabor e a súa textura me recordou á dos espinafres, comecei a buscar algunha receita doce que levara esta verdura. E atopei un biscoito típico de Polonia chamado musgo do bosque onde os espinafres eran protagonistas. Agora xa sabía que había posibilidades de que saíse ben. Mais había que probar. 

torta de estrugas

Como coller e preparar as estrugas, podédelo ler na receita da quiche. O certo é que é a parte máis custosa do proceso. O demais, facer un biscoito verde e unha crema de nata e mascarpone que lle queda de vicio.

torta de estrugas

Para a presentación, cómpre esmigallar o biscoito para darlle ese aspecto de musgo. E por riba, podedes decorala como máis vos guste. Eu empreguei amoras porque estaban en tempada daquela, mais agora podedes empregar uns grans de granada, que tamén lle han quedar moi ben. Ou ben arandos, amorodos ou framboesas. 

torta de estrugas

Eu fixen moita cantidade porque esta torta de estrugas era para levar á festa. E quedou finiña porque era un molde moi grande, de 30×40 máis ou menos. Polo que se seguides a receita así e facedes a torta nun molde máis pequeno, podedes tamén facerlle varias capas e botarlle a crema polo medio. A cor verde é totalmente das estrugas, non engadín nada artificial para a cor. É unha marabilla a cor verde que queda, va que si?

Ingredientes

  • Para o biscoito
  • 300 gramos de estrugas

  • 6 ovos

  • 300 gramos de azucre

  • 180 ml de xirasol

  • 300 gramos de fariña triga especial biscoitos

  • 2 culleradiñas de fermento químico

  • 2 culleradas de zume de limón

  • Para a crema de mascarpone
  • 500 gramos de mascarpone

  • 100 gramos de azucre en po

  • 600 gramos de nata

  • amoras, framboesas, amorodos, granada… ou calquera froita do voso gusto para decorar

preparación

  • O primeiro de todo é, por suposto, apañar as estrugas. Recordade que cómpre facelo sempre con luvas. Seleccionamos as follas máis tenras, as da parte superior. E descartamos os talos. Eu pesei os 300 gramos cando xa separara as follas dos talos. Despois lavámolas, de novo, sempre coas luvas. E poñémolas a ferver durante 10 minutos. Eu collinas en dous días e o que fixen despois de cocelas foi conxelalas, para que non se puxeran pochas. Se as usades xa o mesmo día, non é preciso. O que si convén facer é apretalas moito moito para que solten a auga e queden o máis sequiñas posíbel.quiche de estrugas
  • Agora temos que bater os ovos co azucre ata que dobren o seu tamaño e a masa colla unha cor máis branca.torta de estrugas
  • Batemos as estrugas xunto coas culleradas de zume de limón e o aceite de xirasol.torta de estrugas
  • Engadimos esta mestura de estrugas á masa de ovos e mesturamos ben.torta de estrugas
  • Xirgamos a fariña e engadímola xunto co fermento químico. Mesturamos moi amodiño e con movementos circulares, para que a masa quede ben esponxosa.torta de estrugas
  • Enfornamos a 165ºC durante uns 35 minutos. Recordade que o tempo de enfornado cambia segundo sexa o molde. Este meu era moi grande e quedou a masa fina, polo que nuns 30 minutos xa estaba. Se o molde é máis pequeno e a masa queda máis alta, tardará máis. En caso de dúbida, picamos co escarvadentes e este ten que saír limpo. torta de estrugas
  • Deixamos que arrefríe o biscoito e preparamos a crema de mascarpone. Pasamos o azucre en po por un coador para que non teña gromos. Batemos o mascarpone co azucre en po durante uns minutos e ata que quede moi cremoso. Engadimos a nata (sempre moi fría) e batemos de novo durante uns 5-10 minutos (dependendo do batedor) ata que teñades unha textura de nata montada. torta de estrugas
  • Botamos esta crema de mascarpone por riba do biscoito. torta de estrugas
  • Para facer o musgo que leva a torta por riba, teremos ou ben que cortar un anaco do biscoito polos lados, como fixen eu co molde rectangular. Ou ben cortalo por riba, dependendo do molde empregado. Se é redondo, é mellor cortarlle a parte superior, facendo que quede liso e empregar esa parte que sacamos para esmigallala e facer o musgo. Repartiremos todo o ‘musgo’ pola parte superior da torta, tapando a crema de mascarpone.torta de estrugas
  • E agora só queda poñer por riba as froitas que máis vos gusten. Eu puxen amoras que fun apañar, mais penso que agora uns grans de granada han quedar moi ben. torta de estrugas

Aínda que non quede moi bonito que eu o diga, todas as persoas que a probaron, ficaron moi sorprendidas polo seu sabor e adoraron o resultado. Foi amor a primeira trabada, de verdade! E si, nótase o sabor a estruga, mais está moi, moi, moi boa. Sen dúbida, se non dera tanto traballo ir apañar e preparar as estrugas, xa a tería feito unhas cantas veces máis. Gustou a todo o mundo, ata a xente que non adoita ser moi seareira do doce. Recoñezo que foi todo un éxito e eu fiquei moi feliz porque así fora. E por iso aínda me fai máis ilusión, partillar esta receita con vós.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.