Scarpaccia de cabaciña

Esta é unha desas receitas que, como dirían as Tanxugueiras, veñen para quedar. Nós xa a fixemos máis dunha vez e, de feito, unha cea sempre a apañamos con esta scarpaccia de cabaciña. Esta receita de scarpaccia vina por primeira vez no Instagram de Dr. Vegan e foi amor a primeira vista. Queda moi crocante, é moi sinxela de facer e está moi boa. A min o sabor recórdame ao da empanada de millo. Xa sei que non ten nada que ver, mais a fariña milla fai que o sabor teña algunha semellanza. E ademais, xa sabedes que estas receitas van moi ben para darlle boa conta ás cabaciñas da horta. E quen di cabaciñas, di outras verduras.

scarpaccia

Ingredientes

  • 1 vaso de fariña triga

  • 1/3 de vaso de fariña de millo corvo

  • 2 culleradas de aceite de oliva

  • 1 vaso de auga

  • 1/2 culleradiña de sal

  • 2 ou 3 cabaciñas

  • 1 cebola

  • aceite para fritir a cebola e as cabaciñas

PREPARACIÓN

  • Cortamos as cabaciñas en rodelas e a cebola en tiras. E fritímolo todo nun pouco aceite de oliva ata que fiquen douradiñas. Salgamos. scarpaccia
  • Mesturamos o resto dos ingredientes e facemos unha masa cunha textura como a das panquecas.scarpaccia
  • Cando as cabaciñas e a cebola xa estean, botámolas sobre a masa.scarpaccia
  • Cubrimos a bandexa do forno con papel de enfornar e botamos a masa enriba. A primeira vez fixémolo coma no vídeo, sen papel, mais aínda que levaba aceite abondo, pegouse un chisco. Para a seguinte xa o fixemos co papel, e moito mellor. scarpaccia
  • Cunha culler, imos deixando a masa todo o fina que poidamos, estendéndoa por toda a bandexa. Así, ficará máis crocante.
  • Botamos un chisco de aceitiño de oliva por riba e mais un pouco máis de fariña de millo corvo.scarpaccia
  • Enfornamos durante uns 50 minutos a 200ºC para que fique moi crocante. Podemos poñela a grellar os últimos 5 minutos para que quede aínda máis crocante. scarpaccia

Aínda que non probei, coido que ha quedar ben con outras verduras. Todo é probar. Cunha salada de tomates e cogombros, xa temos unha cea preparada. Eu fíxena con fariña de millo corvo porque aínda tiña de cando a merquei para facer a empanada de millo, mais podedes empregar fariña milla de sempre. É importante cociñar ben a cebola e a cabaciña, pois así tamén quedará máis sabedeira. A única dificultade que ten esta receita é agardar os 50 minutos que tarda en facerse no forno. Mais ben paga a pena que fique con esa textura tan crocante.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.