Proia de Pontedeume

Hai lambetadas que son amor a primeira vista. Teñen algo que nos entra polos ollos. E o meu coa proia de Pontedeume foi algo así. Quizais non a primeira vista, mais definitivamente a primeira trabada. E vaia sabor! E non fun a única. Todas as persoas que a probaron concordan comigo. 

proia de Pontedeume

Había tempo que a quería preparar, mais ás veces pásame que teño moi pouco tempo para cociñar tranquila na cociña. Sen distraccións. Recoñezo que preciso estar moi centrada para cociñar e me saia ben. Preciso gozar de cada paso e, para iso, teño que dispor de tempo. E non só iso, senón que, de cando en vez, tamén preciso unha desculpa para facer lambetadas porque, claro, despois hai que comelas e non sempre se pode andar a comer doces todos os días. E así foi que hai uns días chegou a oportunidade, así que había que buscar o tempo. 

proia de Pontedeume

Para preparar a proia, busquei información por toda a rede. Lin receitas e vin vídeos, ata que finalmente puiden escribir unha receita que me convencía e que penso que conserva o carácter tradicional da proia e da súa sinxeleza. Agora había que probar e cruzar os dedos para que saíse todo ben. Spoiler: saiu moi ben! 

proia de Pontedeume

Penso que a dica máis importante á hora de facer a proia é mercar unha fariña de calidade. Eu merquei fariña do país no Pan de Leis, na rúa de San Pedro. E o resultado foi espectacular. Paga a pena mercar unha boa fariña do país, porque se nota no sabor e fai que quede máis sabedeira. 

E o outro ingrediente que tamén cómpre mercar de calidade é a manteiga de vaca cocida. Eu esta merqueina no Gadis. Están onda as manteigas, e veñen así como envasadas ao baleiro. O día que vaiades preparar a proia, deixádea fóra da neveira para que estea no seu punto. 

Ingredientes

  • 500 gramos de fariña do país

  • 350 ml de auga morna

  • 15 gramos de lévedo fresco

  • 1 culleradiña de sal

  • 150 gramos de azucre branco

  • 175 gramos de manteiga cocida de vaca

  • 100 gramos de licor de anís

PREPARACIÓN

  •  Primeiro hai que facer a masa do pan. Polo tanto, comezamos desfacendo o lévedo fresco na auga morna e engadimos tamén a fariña. Pode ser que precisedes botar uns belisquiños máis de fariña. Amasamos ata que non se pegue nas mans e deixamos que levede durante uns 45-60 minutos. proia de Pontedeume
  • Poñemos papel de forno na bandexa e untamos cun chisco de manteiga. Poñemos o forno a quentar a 200ºC.proia de Pontedeume
  • Poñemos a masa enriba e imos gramando a masa cos dedos mentres imos engadindo a manteiga pouco a pouco. (Deixaremos un pouco de manteiga para botar en anacos por riba antes de enfornar.) Iremos estirando a masa ata que ocupe toda a bandexa do forno. proia de Pontedeume
  • E faremos o mesmo co azucre e con dúas culleradas de anís, que tamén botaremos na masa. É importante gramala moito para que a manteiga, o azucre e as culleradas de anís se integren ben coa masa.proia de Pontedeume
  • Repartimos anacos de manteiga por riba e enfornamos durante uns 33-35 minutos.
  • Sacámola do forno e botamos por riba o resto do anís. Hai que facelo en quente para que chisporrotee.proia de Pontedeume
  • Agora só queda deixala arrefriar e xa se pode degustar.proia de Pontedeume

Nós tomámola o día que a fixen e mais ao día seguinte, co resto dos convidados. O primeiro día notábaselle máis o sabor a anís e o segundo xa menos. Se sodes moi seareires do anís, podedes botarlle máis, que quedar, quédalle moi ben. A min é unha lambetada que me gusta para tomar de sobremesa, para cando se toma o café. Non vos podo dicir a que me recorda o sabor porque é moi diferente ás larpeiradas que fixen ata o de agora. Sabe lixeiramente a pan, mais cun sabor doce, manteigoso e co toque do anís. Polas beiras fica máis crocante e polo medio, mais suave. Mais non agardedes que sexa esponxosa porque non é un biscoito. Xa estou desexando atopar calquera desculpa para voltar facela e, por suposto, comela.

E ademais, é unha receita perfecta para facer coas crianzas. De seguro que iso de amasar e gramar lles ha gustar. 

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.