Cabaciñas en vinagre

Xa levamos uns cantos días de agosto e este ano aínda non fixera ningunha receita coas cabaciñas. Non podía ser! Vendo receitas, como de costume, dei con varias nas que empregaban as cabaciñas en vinagre a modo de opción vegana para os bocartes en vinagre.

cabaciña en vinagre

Eu non son moito de pratos en vinagre, se vos son sincera, mais a abundancia de cabaciñas fai estragos e había que probar. Pensei en non abusar do vinagre e saíu isto que vos conto. Como a vou voltar facer, estou segura de que irei modificando algún ingrediente que outro, mais de momento quedou así. Eu empreguei 3 cabaciñas. En total pesaban 1 quilo e medio. Mais non pensedes que son moitas, pois só se aproveita a parte sen sementes.

Ingredientes

  • 3 cabaciñas (1.5 quilos)

  • 500 ml de vinagre de mazá

  • 300 ml de auga

  • 15 gramos de alga wakame deshidratada

  • Sal

  • Aceite de oliva

  • 2 allos

  • Pirixel fresco

Preparación

  • Pelamos as cabaciñas. E co mesmo pelador, imos facendo tiras finas. Salgamos. Eu fixen tiras ata que chegaba ás sementes. A parte das sementes non a empreguei. cabaciña en vinagre
  • Nun bol, mesturamos a auga, o vinagre e as algas deshidratadas para hidratalas. Deixarémolas ata que vexamos que están totalmente hidratadas.
  • Sacamos as algas e botamos a mestura de vinagre sobre as tiras de cabaciña. Tapamos e deixamos na neveira durante unhas 4 horas. cabaciña en vinagre
  • Sacamos as tiras de cabaciña, escorrémolas ben e cubrímolas co aceite de oliva ata que queden tapadas. Botamos tamén os allos picados e o pirixel picado. Remexemos con coidado para que se mesture todo ben. cabaciña en vinagre
  • Deixamos que repousen de novo na neveira ata que as vaiamos comer. cabaciña en vinagre

Eu prepareinas a mediodía e xa as comemos pola noite. Deixeinas 3 horas co aceite na neveira. Teño gana de probar con alga nori tamén, a ver se lle dá outro sabor. Aínda que nesta casa non vos somos moito de pratos con vinagre, esta receita gustou moito. E non quedou nadiña. A cabaciña queda cun punto crocante e nótase o sabor do vinagre. O aceite dálle despois suavidade, mais as cantidades sempre é mellor que as vaiades adaptando segundo vos guste máis ou menos forte o sabor.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.