Bolachiñas de amorodos e limón

Acender o forno estes días é case, case un acto heroico. Vai tanto calor, que só de pensar na mínima posibilidade de que a temperatura da casa aumente, xa dá arrepíos. Mais a horta é a miña debilidade e agora semella que o calor nos está a dar un descansiño. Apañar os froitos do que con tanto agarimo e traballo se puxo e non facer algunha receita con eles, cústame o seu. E si, aínda que teña calor, sigo a ter gana de comer lambetadas. Non o podo negar.

bolachiñas de amorodo

Os primeiros froitos que apañamos este verán foron os amorodos. Dá gusto velos medrar e así, con este sol, teñen un sabor moi doce. E como o limoeiro está cargadiño, xa temos a parella perfecta. E se caio na tentación, como caín, de engadirlle o meu chocolate favorito, estas bolachiñas non poden máis que ser moi, moi, moi sabedeiras.

bolachiñas de amorodo

A súa textura non é crocante, senón manteigosa. Moi suaves no padal e cun intenso sabor a limón. O amorodo dálle un toque fresco, e o chocolate branco, mais dozura, pois non son unhas bolachiñas con moito azucre. Aquí nesta casa voaron, e estou segura de a vós havos pasar o mesmiño.

Ingredientes para unhas 20 Bolachiñas de 30 gramos

  • 80 gramos de amorodos frescos

  • 80 gramos de chocolate branco

  • 225 gramos de fariña triga

  • 1 culleradiña de fermento químico

  • 1 belisco de sal

  • 125 gramos de manteiga branda

  • 80 gramos de azucre branco

  • 1 ovo

  • 1 limón relado

Preparación

  • Lavamos e cortamos en anacos pequenos os amorodos. Deixámolos sobre papel absorbente para sacar o exceso de auga/zume.bolachiñas de amorodo e limón
  • Cortamos o chocolate branco en anacos xeitosos.bolachiñas de amorodo e limón
  • Mesturamos nunha cunca a manteiga e o azucre.
  • E noutro cunco, a fariña, o fermento e o sal.
  • Engadimos o ovo á manteiga co azucre e batemos.
  • Mesturamos ámbalas dúas mesturas e engadimos o limón relado.
  • Botamos os amorodos e o chocolate branco. Mesturamos ben.
  • Deixamos arrefriar uns 20 minutiños a masa na neveira e poñemos o forno a quentar a 180º. Despois, formamos bólas coas mans duns 30 gramos cada unha. Se vemos que resultan difíciles de formar, poderiamos engadir un chisco máis de fariña.
  • Poñémolas sobre un papel de forno lixeiramente separadas e aplanámolas. Enfornamos a 180º durante uns 17 minutos ou ata que vexades que teñen unha lixeira cor dourada.
  • Deixámolas arrefriar sobre a grella.

Como levan o chocolate branco, sempre podemos despois quentalas uns segundiños no microondas para que este se derreta e saiban aínda mellor, se iso é posíbel. Non probei con outras froitas, mais se non tedes amorodos, sempre podedes facer a proba. Son unhas bolachiñas moi suaves e ide con moito ollo, pois custa comer só unha. A cantidade de azucre por bolacha é mínima e o sabor do limón e dos amorodos non queda tapado por un exceso de doce. Son perfectas para o almorzo, a merenda ou a sobremesa.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.