Bublanina de cereixas

Encántame esta receita de bublanina por moitas razóns. É unha lambetada moi sinxela de facer, basicamente mesturar e enfornar. Leva froita, que iso sempre me gusta. Faise na bandexa do forno, así que non hai que andar mercando moldes. E dá para moitos anacos, o que me gusta moito porque fai que sexa unha larpeirada ideal para levar cando imos ou veñen convidados.

bublanina

É unha receita típica da República Checa e o seu nome, bublanina, vén das burbullas que se forman na froita ao enfornar. Eu fíxena con cereixas porque están agora de tempada. Mais recoñezo que ter que andar a sacarlles a carabuña, non é unha tarefa moi agradábel. Tamén se pode facer con outras froitas como amorodos, pexegos, arandos ou framboesas.

bublanina

A textura da bublanina é moi suave e desfaise na boca. Semella que non queda moi doce, mais iso é porque o sabor da froita destaca moito. Se probades só o biscoito, veredes que ten o punto xusto de dozura e de sabor. A preparación é moi rápida, e ao ser un biscoito finiño, tarda moi pouco en enfornar. Así que, como vedes, todo son vantaxes. E os ingredientes para facela, dos que sempre temos pola casa. Apuntádesvos a probar esta bublanina?

bublanina

Ingredientes

  • 300 gramos de cereixas sen carabuña ou outra froita que vos guste

  • 3 ovos

  • 250 gramos de azucre branco

  • 75 ml de aceite ou manteiga desfeita

  • 300 ml de leite

  • 350 gramos de fariña triga

  • 1 sobre de fermento en po

  • Azucre en po para esparexer por riba

preparación

  • Quitamos as carabuñas ás cereixas.
  • Batemos os ovos co azucre. Poñemos o forno a quentar a 180ºC.bublanina
  • Engadimos o aceite e batemos de novo. Eu empreguei aceite de xirasol, mais podedes botarlle de oliva suave ou manteiga desfeita.bublanina
  • Tamén botamos o leite e seguimos a bater.bublanina
  • Mesturamos a fariña e mais o fermento e botámolos na masa.bublanina
  • Forramos a bandexa do forno con papel de enfornar e botamos a masa.bublaninabublanina
  • Engadimos as cereixas, repartíndoas ben por toda a masa.bublanina
  • Enfornamos a 180ºC durante uns 25 minutos ou ata que vexades que ten unha lixeira cor dourada por riba e un escarvadentes cravado no centro saia limpo.bublanina
  • Sacamos a bandexa do forno, deixamos arrefriar un chisco e botamos o azucre en po por riba.bublanina
  • Cun coitelo, cortamos a bublanina en anacos.bublaninabublanina

E agora só nos queda ir collendo e probando. Se empregades papel de enfornar, non vos preocupedes que a masa non se pega nada. Pode que teñades que estender ben a masa pola bandexa antes de engadir as cereixas. Para sacarlles a carabuña, eu fíxeno cun pau de espeto, mais un bo xeito é cunha botella, como fixemos na receita do clafoutis. É un biscoito lixeiro e moi sabedeiro. Perfecto para unha merenda ou un almorzo.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.