Bolachas de matcha

Que son unha namorada do matcha xa o sabedes seguro! E xa hai tempo que andaba coa teima de facer bolachas de matcha. O que pasa é que non acababa de dar co resultado que me gustara. Dicir que é moi importante atopar un matcha de calidade. Moitas veces, non queda co sabor e coa cor que agardamos porque véndese moito té matcha caro, mais de mala calidade. Convén probar ata atopar un que de verdade nos encha o ollo.

bolachas de matcha

E claro, tiña que botarlles ás bolachas chocolate branco. Que por que? Pois porque casan de marabilla. O doce do chocolate branco amansa o amargor do té verde estupendamente. E ademais, é o meu chocolate favorito. (Si, xa sei que o chocolate branco de chocolate ten pouco, mais eu devezo por el).

bolachas de matcha

A preparación é súper sinxela. Sen ter que arrefrialas na neveira nin ter que agardar. Só mesturar, darlles forma de bóla e enfornar. Así de sinxelo. Son unhas bolachas grandiñas, de 55 gramos cada unha. Mais non sabedes canto prestan. Non vos ha sobrar nada e aínda habedes coller as fungallas cos dedos e aproveitalas.

bolachas de matcha

Ingredientes para 12 bolachas

  • 115 gramos de manteiga a temperatura ambiente

  • 100 gramos de azucre branco

  • 100 gramos de azucre moreno

  • 1 belisco xeitoso de sal

  • 1 ovo

  • 1 culleradiña de esencia de vainilla

  • 180 gramos de fariña triga

  • 1/2 culleradiña de bicarbonato

  • 1 cullerada e 1/2 de té verde matcha

  • 125 gramos de chocolate branco en anacos grandes

Preparación

  • Mesturamos a manteiga xunto cos azucres e o sal e batemos. Se a manteiga está moi dura (da neveira) podedes poñela uns segundiños no microondas. Sen que chegue a derreterse, só para que abrande. Poñemos o forno a quentar a 180ºC.bolachas de matcha
  • Engadimos o ovo e maila vainilla e batemos de novo. bolachas de matcha
  • Por outra banda, mesturamos os ingredientes secos: fariña, bicarbonato e matcha. bolachas de matcha
  • Xuntamos ambas mesturas e xa podemos amasar coas mans. bolachas de matcha
  • E engadimos os anacos de chocolate branco. Amasando ben para que queden repartidos por toda a masa. bolachas de matcha
  • Formamos bólas de 55 gramos cada unha. Saen 12 bolachas grandiñas. bolachas de matcha
  • E enfornamos a 180ºC durante uns 15 minutos. Medran un chisco, así que se vedes que vos quedan moi apretadas, facédeo en dúas veces. Para que non se biquen. Eu fíxenas todas a un tempo porque é máis cómodo. Algunhas bicáronse un chisco, mais separábanse ben e quedaron perfectas. bolachas de matcha

Recordade que cando as saquedes do forno aínda estarán brandiñas. É importante deixalas arrefriar sobre a grella do forno para que fiquen crocantes. Para unha experiencia sublime, mete as bolachas uns 20 segundiños no microondas antes de comelas para que se desfaga o chocolate branco… Puro pracer!!!

bolachas de matcha

E se non tes do branco, proba co negro ou con leite. Tamén podes engadir froitos secos ou mesturar froitos secos e chocolate. Fican unhas bolachas crocantes por fóra e brandiñas, manteigosas e con moito sabor por dentro. Eu penso repetir, e vós? Animádesvos?

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.