Bagels: receita rápida

Máis ou menos desde o verán andaba a darlle voltas á idea de facer bagels. Mais por unha cousa ou por outra, nunca remataba por facelos. Cando me puxen a investigar sobre como se facían, vin que era un proceso bastante longo. Amasar, fermentar, cocer e enfornar. Moito choio. Xa sabedes que eu devezo polas receitas rápidas e sinxelas. O mellor resultado co menor dos esforzos.

bagels

E isto precisamente é o que pasa con esta receita rápida. Resulta que con só DOUS ingredientes podemos facer uns bagels caseiros impresionantes. E ademais estes dous ingredientes son do máis sinxelo de atopar e pode que ata xa os teñades na casa cando vexades a receita. A fariña pode ser o único que non, mais tamén vos poño outro xeito de facelos.

bagels

A fariña a empregar é a chamada fariña para biscoitos, que xa leva fermento químico. Mais se non a tedes, só hai que engadir fermento e sal, e xa está. Eu de feito fíxenos así, polo que sei ben que saen estupendos. Así que non vos preocupedes se non tedes a fariña co fermento.

bagels

Polo demais, só queda mesturar, dar forma e enfornar. Así de sinxelo. E que bos están! A min encantoume o sabor, a textura e o ben que saen con tan poucos ingredientes. Estou segurísima de que se os probades, habedes repetir!

bagels

Ingredientes

  • 250 gramos de iogur grego natural sen azucre

  • 250 gramos de fariña para biscoitos (ou fariña triga con 1/2 culleradiña de sal e 1 e 1/2 de fermento químico)

  • Ovo ou manteiga para pintalos por riba e liño dourado e sésamo negro (opcional) 

preparación

  • Mesturamos a fariña de biscoitos (ou a fariña xunto co fermento e o sal) co iogur grego. Poñemos o forno a quentar a 180ºC.bagels
  • Formamos unha boliña. Se vedes que vos custa amasar, podedes engadir un chisco máis de fariña, ou enfariñar as mans cando manipuledes a masa. bagels
  • Dividimos a masa en 4 anacos de 120 gramos cada un. A masa pesa uns 480 gramos.bagels
  • Dámoslles forma de roscos. Temos que facerlle o furadiño algo grande, pois medran no forno e non queremos que se pechen de todo. bagels
  • Pintámolos con ovo, manteiga ou auga.bagels
  • E botámoslles as sementes.bagels
  • Enfornamos a 180ºC con calor por arriba e por abaixo durante uns 20-25 minutos ou ata que fiquen lixeiramente dourados.bagels

Por riba podedes botarlle outras sementes, como as de papoula. Ou tamén froitos secos. Iso xa a gusto de cada quen. É importante que sexa iogur grego, pois iso axuda a que quede moi esponxoso. Para conservalos, pódense deixar gardados nun envase pechado, ou ben conxelalos e telos sempre frescos. Tamén se poden torrar e, por suposto, facelos recheados do que máis vos guste. Crema de queixo e salmón e crema de cacahuete e plátano son as miñas combinacións favoritas.

2 Comments

  1. Ola! Pois cóntoche: eu fíxenos a primeira vez con fariña triga sen fermento e boteille media cullerada de fermento químico porque lin mal e non me decatei de que dixeras unha e media X___D (era luns, que lle queres) e claro, subiron moi pouco pero estar están ricos!
    Vou intentar outra vez coa cantidade correcta a ver que pasa (por certo, teño lido noutras receitas que cando se usa iogur recomendan engadir un pouquiño de bicarbonato tamén a maiores do fermento para darlle unha axuda xa que tenden a subir menos, ti que dis? Botareille algún ou deixo a receta estar?
    Outra cousa que quero probar, unha vez que por fin me saian ben os normais, vai ser a versión sen glute. Teño un paquete de fariña para biscoitos e sen glute na casa que non sei que facer con ela así que xa che contarei!

    • Ola Isabel! Pois o bicarbonato mal non lle fará, iso si, bota pouco (1/2 culleradiña) para que non dea sabor, por se acaso 🙂 De seguro que coa cullerada e media han quedar ben, xa verás! Xa me contarás!!!
      Eu penso que a versión sen glute tamén ten que quedar ben, ao final o importante é o iogur grego e que suba un chisco. De sabor van quedar boísimos igual!
      Xa me dirás e moitísimas grazas por facelos e polo comentario 😀

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.