Gofres de Liexa

Feliz Día Mundial do GOFRE!!! Como xa vos contei hai algún tempo, gústanme moito os libros de cociña. De feito, gústanme os libros, así en xeral. Diría que teño a síndrome esa de mercar libros, aínda que despois non os lea, ou tarde moito en lelos. Mais adoro ver libros e namoro de seguida deles, especialmente dos de cociña. E é por iso que agora collín o costume de pedir e mercar libros de cociña cando vou de viaxe.

gofres

Esta receita vén dun libro de cociña dunha viaxe. O meu irmán viaxou a Bélxica e aproveitei para pedirlle un libro de cociña de alí. El xa me coñece ben e sabe que me gustan con receitas típicas, na lingua orixinal e diferentes. O libro está en francés e ten moitas receitas típicas de Bélxica. Unha marabilla! Sorprendeume saber que había dous tipos de gofres. Eu sempre oíra falar destes, dos de Liexa, e pensaba que eran os únicos que había. Mais hai outros de Bruxelas. E a receita non pode ser máis diferente. Outro día heivos ensinar os de Bruxelas. Mais hoxe tocan estes, que son moooito máis larpeiros.

gofres

Veredes nos ingredientes o azucre perlado. E de seguro que teredes a dúbida de se se pode empregar o de sempre, e non este. Por poder, pode. Mais o resultado non ten nada que ver. Pois é precisamente este azucre o que lle dá ese sabor tan característico dos gofres. E non, despois de cociñados non se notan as perlas, mais si esa dozura especial. Probade, que paga a pena. Ah! E ademais hoxe, 25 de marzo, é o Día Mundial do Gofre! A festexar!!!

gofres

Ingredientes para uns 12 gofres

  • 250 gramos de fariña triga

  • 1 ovo

  • 100 ml de leite morno

  • 100 ml de auga

  • 100 gramos de manteiga derretida

  • 1 belisco de sal

  • 25 gramos de azucre

  • 20 gramos de fermento fresco de panadaría

  • 100 gramos de azucre perlado

Preparación

  • Desfacemos o fermento no leite morno e engadimos a auga, o ovo e o azucre. (Non o perlado). Batemos. gofres
  • Engadimos tamén a fariña, o sal e a manteiga e batemos de novo. gofres
  • Deixamos que a masa repouse durante, como mínimo, 30 minutos. gofres
  • Engadimos agora o azucre perlado e mesturamos ata que estea ben repartido.gofresgofres
  • Botamos unha cullerada ben chea de masa por cada gofre e deixamos que se cociñen durante uns 3/4 minutos ata que estean dourados. gofresgofres

E xa estarían os nosos gofres preparados! Como vedes, non teñen dificultade ningunha. A cantidade de gofres depende da gofreira e de como de grandes vos gusten ou os fagades. Eu non lles engadín nada, porque están moi bos así e quedan moi doces, mais por suposto que con chocolate e nata por riba de seguro que están de vicio! Non vou eu dicir que non… 🙂

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.