Teño a sorte de poder visitar a Praza de Abastos de Compostela case todos os días cando estou aquí, pois miña nai sempre merca alí. Mirar ao meu redor e ver todos os produtos de tempada para min é un auténtico pracer. E fiquei moi sorprendida cando despois de Nadal, comezaron a aparecer moitas centolas da ría cunha pinta incríbel. Non sabía para onde mirar, había centolas por todas partes.

Eu non son moito de centolas ou bois, pois só me gusta a parte das patas e as pinzas, ou a carne branca que teñen dentro, mais nunca comín o caldiño. E foi nestes días cando, de casualidade, chegou a min un libro antigo con receitas de Euskadi. Alí vin a típica receita de (txangurro) centola á donostiarra e aproveitando esa fermosura de centolas, decidimos mercar un par delas e probar a receita. Iso si, con algunha modificación persoal, que xa sabedes que me gusta darlle o meu toque.

Ingredientes
2 centolas medianas (de quilo, quilo e algo cada unha)
2 culleradas de aceite de oliva
65 gramos de manteiga
1 dente de allo
2 porros
1 cebola
1/2 cullerada de tomate concentrado
1/2 copiña de brandi e 1/2 de viño do Porto
Sal
Pirixel, pan relado e manteiga
PREPARACIÓN
- Cando pase o tempo, deixámolas arrefriar un chisco e canxo estean mornas, comezamos a sacar toda a carne da centola, patas e pinzas tamén.
- Cando pase o tempo, deixámolas arrefriar un chisco e canxo estean mornas, comezamos a sacar toda a carne da centola, patas e pinzas tamén.
- Por outra banda, poñemos unha tixola a quentar coas 2 culleradas de aceite de oliva e os 65 gramos de manteiga. Poñemos o allo enteiro e fritímolo a lume medio ata que fique dourado.
- Quitamos o allo e engadimos a cebola e os porros picados. Fritimos ata que estean brandos.
- Engadimos o tomate concentrado, mesturamos e cociñamos durante 5 minutos.
- Agora botamos o brandi e o viño do Porto. Apagamos o extractor e flameamos o alcol cun chisqueiro. Deixamos ata que se apague. Lavamos os corpos das centolas, para encher.
- Botamos a carne da centola.
- Remexemos todo ben. Probamos de sal.
- Botamos o recheo na centola.
- Picamos o pirixel, mesturámolo co pan relado e botámolo sobre a centola.
- Cortamos uns cadradiños de manteiga e botámolos sobre o pan relado.
- Grellamos no forno ata que vexamos o pan relado dourado. Uns 5 minutos.
Esta receita de centola á donostiarra é sinxela e o resultado é espectacular. Iso si, dá choio baleirar a centola toda e cómpre ter paciencia, pois é o paso máis longo. Aínda así, paga ben a pena aínda que sexa preparalo unha vez e probar. A min gustoume moito e, por unha vez, comín todo da centola. Ademais, non me digades que a presentación non é fermosa! Que ben queda así presentado todo no corpo da centola, non credes? Eu teño pensado repetir, e agardo que a vós vos guste tanto como a min.