Caldeirada de raia

Xa hai un tempo que andaba con ganas de facer esta receita tradicional de caldeirada de raia. A dicir verdade, xa probara a raia en empanada, mais nunca así, e menos aínda facela na casa. Agora é tempada de raia e vese moito pola Praza de Abastos de Compostela, así que desta vez tiña que probar si ou si. E así tamén aproveito para ir aumentando as receitas de peixe do blogue.

caldeirada de raia

Non é unha receita nada complexa, de feito, é unha receita tradicional que demostra o ben que lle queda a allada a calquera prato de peixe. Faise moi rápido e o seu resultado é espectacular. Para quen nunca probou a raia, é un peixe que resulta moi sinxelo de comer. Desespiñala é moi doado e a súa carne ten un sabor suave. Eu diría que, xunto co rodaballo, é o peixe perfecto para quen non gosta moito do peixe. E esta caldeirada de raia fai que o seu sabor resalte, sen tapalo e sen dar moito choio.

Ingredientes para 4 persoas

  • 1 quilo de raia cortada en anacos xeitosos

  • 6 patacas

  • 1 cebola grande ou 2 pequenas

  • Allada
  • 2 allos

  • 1 anaco pequeno de unto

  • Aceite de oliva

  • 1 culleradiña de pemento doce

  • 1 chorro de vinagre

Preparación

  • Pranamos e cortamos as patacas en anacos. Facemos o mesmo coa cebola. Salgamos e poñemos todo a cocer nunha pota durante uns 15 minutos.caldeirada de raia
  • Mentres, nunha tixola, faremos a allada. Botamos aceite de oliva, o anaco de unto e os dous allos e deixamos que se faga a lume medio ata que os allos estean fritidos. caldeirada de raia
  • Engadimos a raia salgada á pota onde temos as patacas e a cebola e deixamos que se coza durante uns 6-7 minutos. Apagamos o lume. caldeirada de raia
  • Sacamos o unto da tixola, apagamos o lume, deixamos repousar un chisco e engadimos o pemento doce, o chorro de vinagre e un pouco da auga onde temos a cocer a raia. caldeirada de raia
  • Sacamos as patacas, a raia e a cebola, e botamos a allada por riba, mollando ben todo.caldeirada de raia

Pouco máis vos podo dicir desta receita! Despois de ver como se fai, estou segura de que non habedes tardar en probala. Sobre todo, aproveitade agora a facela, pois estamos en plena tempada de raia.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.