Biscoito de limón

É curioso como hai cousas que nos gustan nunhas receitas moito, e noutras nada. Eu non son nada seareira do limón e non adoito botarllo a ningún prato salgado, de feito, non acabo de collerlle o punto aos pratos que levan este ingrediente. Mais gosto moito do seu sabor nas larpeiradas. Aí si. E é que a combinación do doce co acedo paréceme do máis sabedeira. Por iso este biscoito de limón leva limón por tódolos sitios posíbeis.

biscoito de limón

Raladura por dentro, zume no almibre, e para rematar, unha cobertura de limón. E se vos estades a preguntar se está bo, só vos podo dicir que si, moito. Ademais, é un biscoito que se fai moi axiña, cunha textura cremosa espectacular e con moito sabor grazas ao almibre e á cobertura. Perfecto para calquera momento do día. Estou segura de que vos ha encantar e de que o faredes moitas veces.

biscoito de limón

Os ingredientes, moi sinxelos, coma sempre. Xa sabedes que a min as receitas gústanme rápidas, doadas e con ingredientes que adoitamos ter a man. E este biscoito de limón non ha ser menos.

IngredientES para o biscoito

  • 225 gramos de manteiga branda

  • 225 gramos de azucre branco

  • 225 gramos de fariña triga peneirada

  • 1 sobre (16 gramos) de fermento químico

  • 1 limón relado

  • 4 ovos (a temperatura ambiente)

  • Ingredientes para o almibre
  • 50 ml de zume de limón

  • 50 gramos de azucre en po

  • Ingredientes para a cobertura de limón
  • 250 gramos de azucre en po

  • 1 cullerada de leite

  • 3/4 culleradas de zume de limón

preparación

  • Mesturamos a manteiga e o azucre. Poñemos o forno a quentar a 160ºC co ventilador posto e con calor por arriba e por abaixo.biscoito de limón
  • Engadimos a fariña, o fermento, os ovos e a raladura do limón. Mesturamos todo moi ben.biscoito de limón
  • Enfornamos a 160ºC durante 45 minutos ou ata que un escarvadentes cravado no centro saia limpo.biscoito de limón
  • Preparamos o almibre mesturando o zume de limón e o azucre en po e botámolo por riba do biscoito cando aínda estea morno.biscoito de limón
  • Deixamos que arrefríe e preparamos a cobertura. Botámola por riba do biscoito.biscoito de limón
  • Ata que quede totalmente cuberto por arriba e lixeiramente polos lados.
    biscoito de limón

Agora só temos que agardar a que o glasado se asente e quede duriño. E xa estará listo o noso biscoito de limón para ser degustado. Xa vos digo que non ha durar moito. No meu caso, podo dicirvos que ás poucas horas de estar frío, quedaba menos da metade. E non creo que chegue a mañá. Polo que, tanto se devecedes polo limón como se non, eu de vós non tardaría moito en preparar este saborosísimo biscoito de limón.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.