Torta de castañas do Bierzo

Hoxe tráiovos unha receita das que fixen para o libro d’A Cociña do Camiño de Santiago. Unha receita moi de outono cun dos produtos estrela desta estación: a castaña. A torta de castañas do Bierzo non ten unha elaboración nada complexa, e os seus ingredientes son dos que adoitamos ter a man, polo que a súa preparación resulta moi sinxela e o resultado é espectacular: un sabor intenso a castaña en cada trabada. Eu non sei vós, mais eu non podo resistirme a probar algo que leve castañas como ingrediente.

Poderiamos dicir que non é outono ata que comezan a aparecer as primeiras castañas, e que as castañas son o que máis nos recorda ao outono. Ese arrecendo a castañas do tren polas rúas de Compostela é un verdadeiro pracer todos os sentidos, mais sobre todo, para o padal. E para quentar as mans 🙂 O paso a paso é tan sinxelo, que o único traballo que temos é pelar as castañas e montar as claras, o demais mesturar e enfornar. Esta torta de castañas do Bierzo é a lambetada de outono perfecta!

Ingredientes

  • 300 gramos de castañas pesadas sen a pel exterior

  • 1 belisco de sal

  • 1 chorro de anís

  • 100 ml de nata

  • 75 ml de leite

  • 100 gramos de azucre

  • 2 xemas

  • 2 claras

Preparación

  • Poñemos a cocer as castañas co sal e o anís ata que estean brandas.
  • Pelámolas mentres aínda estean quentes e facemos un puré xunto co leite e a nata.
  • Engadimos o azucre e as xemas e batemos todo ben.
  • Montamos as claras a punto de neve e mesturamos coas castañas facendo movementos suaves para que non baixen.
  • Vertemos a masa nun molde de 20 cm e enfornamos a 180º durante uns 35 minutos.

Para rematar, decoramos cunhas castañas en almibre e podemos acompañar cun pouco de nata montada.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.