Santiños de Sarria

Esta receita de Santiños de Sarria foi un dos grandes descubrimentos que fixen mentres andaba a investigar sobre as receitas do Camiño de Santiago. E é que ata que fixen o libro, non tiña nin idea de que existiran estas bolachas con forma de santiño, nin sabía que eran típicas de Sarria, e tampouco que a época na que se degustan é xusto agora, polo Día de Todos os Santos. Cantas cousas me quedan aínda por descubrir! Vós coñeciades esta lambetada?

O mellor de todo é que é unha receita moi sinxela de facer, rápida e que ha gustar a todes. Iso si, esta é a miña versión da receita, pois a receita orixinal coido que é un segredo ben gardado. Aínda que tamén din que hai máis dunha versión destes santiños, polo que o mellor sería probalos todos, non si?

Ingredientes

  • 115 gramos de manteiga

  • 50 gramos de azucre branco

  • 50 gramos de azucre en po

  • 1 chorriño de anís

  • 2 xemas

  • 200 gramos de fariña triga

  • Cortapastas con forma de santiño

Preparación

  • Co batedor, traballamos a manteiga ata que estea cremosa. Engadimos os azucres e mais o anís e batemos de novo.
  • Engadimos as dúas xemas e mesturamos.
  • E por último, a fariña. Para que non se nos pegue nas mans, teremos que amasala coas mans durante un par de minutos.
  • Estiramos a masa co rolo de amasar e imos facendo os santiños co cortapastas.
  • Enfornámolos a 180ºC durante uns 12-15 minutos ou ata que collan unha lixeira cor dourada nas beiras.
  • Deixámolos arrefriar sobre a grella do forno para que non se abranden coa humidade.

Para facer a forma dos santiños, eu empreguei o típico cortapastas das bolachas de xenxibre. A min gustoume moito o toque de sabor, anisado que teñen os santiños, pois é un sabor que non adoitamos atopar nas bolachas e que, certamente, queda moi ben. A textura é crocante e para mantela, recordade que o ideal é gardar os santiños nunha lata.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.