Bolachas de cabaza e chocolate

A vós tamén vos gusta moito como ole a casa despois de enfornar unha lambetada? Eu adoro ese arrecendo! E estas bolachas de cabaza e chocolate olen a outono. Si, si, como ledes. E todo grazas á cabaza e ás especias, que fan que as bolachas teñan un sabor moi especial e único.

bolachas de cabaza e chocolate

Para facer o puré de cabaza, o mellor é mercar unha cabaza ou collela da horta, sacarlle a pel, cortala en anacos e cocelos no microondas durante uns 25-30 minutos, ata que todos os anacos estean ben brandos. Despois pasámolo por unha picadora ou co batedor, e xa temos o puré listo para estas bolachas ou para calquera outra preparación larpeira que leve puré de cabaza. Eu merquei unha cabaza de 900 gramos e quedáronme 275 gramos de puré.

bolachas de cabaza e chocolate

As especias son as típicas que se empregan para as preparacións de cabaza, xa sexa para a torta de cabaza ou para o café con cabaza especiado. Iso si, as cantidades de especias son algo moi de gustos, por iso podedes variar a cantidade segundo vos gusten máis ou menos as especias. Dicirvos que coas cantidades que vos puxen, non quedan cun sabor forte de máis.

bolachas de cabaza e chocolate

Ingredientes para unhas 20 bolachas

  • 145 gramos de manteiga fría

  • 100 gramos de azucre branco

  • 100 gramos de azucre moreno

  • 205 gramos de fariña triga

  • 1/2 culleradiña de bicarbonato

  • 1 belisco xeneroso de sal, xenxibre en po, noz moscada relada e cravo

  • 1 culleradiña de canela en po

  • 1 xema de ovo

  • 75 gramos de puré de cabaza

  • 130 gramos de pingas de chocolate

preparación

  • Batemos a manteiga fría xunto cos azucres ata que fique unha masa cremosa.bolachas de cabaza e chocolate
  • Por outro lado, mesturamos a fariña, o sal, o bicarbonato e as especias.bolachas de cabaza e chocolate
  • Engadimos a xema e o puré de cabaza á mestura de manteiga e batemos de novo.bolachas de cabaza e chocolate
  • Xuntamos ámbalas dúas mesturas, batendo todo pouco a pouco.
  • E engadimos as pingas de chocolate.bolachas de cabaza e chocolate
  • Deixamos repousar a masa 30 minutos na neveira.
  • Poñemos o forno a quentar a 175ºC con calor por arriba e por abaixo e formamos boliñas de 30 gramos cada unha.
  • Aplanámolas un chisco coa man e enfornamos durante uns 17-18 minutos.bolachas de cabaza e chocolate
  • Cando teñan pasado uns 13 minutos, sacámolas do forno e dámoslles uns 2 ou 3 golpes secos á bandexa para que baixen, e enfornámolas ata completar o tempo.bolachas de cabaza e chocolate
  • Poñémolas sobre a grella do forno ata que arrefríen por completo.bolachas de cabaza e chocolate

Ao sacalas da bandexa, veredes que aínda están brandiñas. Iso é o normal, así que non vos preocupedes nin lles poñades máis tempo, pois non o precisan. Ao arrefriar, poñeranse máis crocantes, cun punto tenro no interior. Unha textura perfecta para unhas bolachas de 10. Xa vedes que estas bolachas non teñen complicación ningunha e o resultado é espectacular. A masa pódese gardar durante 24 horas na neveira e podedes preparalas un día e enfornalas ao día seguinte. E como sempre vos digo, se podedes gardalas nunha lata, aguantarán durante máis tempo no seu punto óptimo. Aínda que creo que non han durar moito! 😉

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.