Madalenas de nata

Hai veces nas que simplemente non teño tempo de facer ningunha receita e non teño nada que vos contar. Hai outras, como me pasou desta vez, nas que si que fixen unhas sabedeiras madalenas de nata, mais non tiña moito ánimo de escribir a receita. E iso que as madalenas saíron boísimas e paga ben a pena que leades a receita e as fagades.

madalenas de nata

Xa teño algunha que outra receita de madalenas no blogue, con cereixas, recheas de ferrero rocher, madalenas xigantes ou de chocolate branco con arandos, mais non tiña ningunha de madalenas de nata e a verdade é que cando as probara, gostara bastante delas.A idea era poñerlle o típico azucre por riba e que saíran ben altiñas, que é como me gustan. E así saíron. O que pasa é que tamén tiña uns poucos arandos pola neveira e non me puiden resistir a botarllos.

madalenas de nata

A receita é moi sinxela, mesturar e enfornar. O importante é que recordedes que cómpre sempre deixar a masa das madalenas a arrefriar na neveira mínimo unha hora antes de enfornar, e que o forno ten que estar ben quente. Con este cambio de temperatura, asegurámonos de medran como teñen que medrar!

madalenas de nata

Se non sodes de botarlle azucre, podedes non botarllo, ou engadirlle froitas ou pingas de chocolate, que tamén lle quedan ben, para que imos dicir que non.Saen unhas 24-25 madalenas, polo que cada madalena ten ‘só’ 10 gramos de azucre, que xa sei que non é pouco, mais tampouco resulta tan doce como outras lambetadas.

Ingredientes

  • 4 ovos

  • 200 gramos de aceite de oliva suave

  • 250 gramos de azucre branco

  • 200 ml de nata para montar

  • 350 gramos de fariña triga

  • 1 sobre (16 gamos) de fermento químico

  • azucre para botar por riba, ou arandos ou o que lle queirades botar

preparación

  • Bater os ovos e o azucre durante uns 5 minutos, ou ata que vexades que aumentaron de tamaño, están máis esponxosos e a súa cor branqueou.madalenas de nata
  • Engadimos a nata e o aceite e voltamos bater durante uns 2 minutos.madalenas de nata
  • Xirgamos a fariña e engadímola xunto co fermento, mesturando todo con movementos suaves e envolventes.
  • Metemos a masa na neveira durante unha hora mínimo.madalenas de nata
  • Colocamos os papeis das madalenas no molde e imos botando a masa ata cubrir 2/3 da súa capacidade. Mentres, poñeremos o forno a quentar a 250ºC con calor por riba e por baixo.madalenas de nata
  • Xusto antes de metelas no forno, botámoslle un pouco de azucre ou poñémoslle os arandos, o chocolate, a froita…madalenas de nata
  • Cando as metamos no forno, baixamos a temperatura a 210ºC e deixamos que se enfornen durante uns 15 minutos ou ata que un escarvadentes cravado no centro saia limpo.
  • Cando xa estean listas, sacámolas do forno e deixamos que arrefríen.
    madalenas de nata

Para conservalas, podemos gardalas nun envase hermético ou ben simplemente tapadas cun film transparente, para que non se sequen. Aguantan varios días no seu punto sen ningún problema e perfectas de sabor e de textura. A min gústame moito ese puntiño de textura e sabor oleoso que lles quedar por riba, sobre todo ao día seguinte. Polo demais, unha receita estupenda para que a volta á escola non se faga tan dura. E ademais, é unha lambetada perfecta para levar ao recreo ou ao choio.

4 Comments

  1. Carmen Gómez

    Ola! Moitas grazas pola receita. Unha pregunta en qué momento engadirías a fariña e o sobre de levadura?.

    • Acabo de ver que esquecín poñer ese paso, vaia cabeza! Síntoo!!! Agora xa o modifiquei. Iría despois de botar a nata e o aceite. Moitísimas grazas por preguntar porque así puiden cambialo. Agardo que che gusten moito 🙂

  2. Carmen Gómez Miguez

    Fío a primera vez que me quedaron así de ben! Gracias!

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.