Tomates verdes fritidos

O tempo deste verán está sendo ideal para min, pois non son eu moi seareira do calor nin das altas temperaturas. Iso si, para os produtos da horta non tanto, e para os tomates, menos. Que os pobres xa levan medrados case un mes e non hai maneira de que se poñan encarnados. Así foi como decidín que xa tocaba probar a facer os tomates verdes fritidos. 

tomates verdes


Aínda que xa outros anos tiven a tentación de facer os tomates verdes fritidos, a verdade é que me daba algo de mágoa ‘estragar’ os tomates e remataba por deixalos madurar. Este ano, non teño desculpa e xa vos digo que non será o último. 
Os tomates que empreguei son de corazón de boi, e, como xa sabedes, é un tomate que non ten moitas pebidas, polo que é, aínda maduro, máis seco que os demais. Polo que cando comecei a cortalos verdes, pensei que non saberían ben porque os vía moi secos, mais despois de fritidos, estaban moi suculentos e tiñan a típica humidade do tomate. 

tomates verdes

O sabor ten un punto doce, tendo en conta que o tomate sempre tira a saber algo agre; e a textura é entre dura e tenra. Custaría saber que son tomates se non cho din ou non o sabes. Mais xa vos digo que repetiría un cento de veces. Un resultado diferente, mais altamente viciante. 

Ingredientes

  • 1 kg de tomates verdes

  • 200 gramos de fariña triga

  • 100 g de fariña milla (a de facer as empanadas) 

  • 2 ovos

  • 100 ml de leite

  • 2 iogures naturais sen azucre

  • sal

  • pementa negra

  • aceite para fritir

preparación

  • Cortamos os tomates verdes en rodelas de aproximadamente 1 cm, desbotando as partes feas e onde está o rabecho. tomates verdes
  • Mesturamos as fariñas.tomates verdes
  • Batemos os ovos, xunto cos iogures o leite, o sal e a pementa.tomates verdes
  • Pasamos os tomates pola mestura húmida, pola seca e a fritir a lume medio-alto. tomates verdes
  • Probamos de sal e deixamos que repousen sobre un anaco de papel absorbente.

A preparación non ten moita ciencia e o iogur e o leite poden substituirse por leite agre, se o tedes a man ou ben o queredes facer con leite e limón. O empanado dalle un toque diferente que fai destacar aínda máis o sabor do tomate verde. Non quedan nada oleosos e se vos sobra, podedes aproveitar o empanado para fritir unhas tiras de cabaciña, por exemplo. 

2 Comments

  1. Teño unha amiga do sur de EE.UU. que os fai so con sal e fariña milla grosa.

    Outra cousa que quero probar cando teña horta son os tomates encurtidos:

    https://www.southernliving.com/recipes/pickled-green-tomatoes

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.