Biscoito de plátano e cabaciña

Isto de facer lambetadas coa cabaciña, penso que pode chegar a ser unha obsesión. Mais a verdade é que lle queda tan ben aos biscoitos que é unha mágoa non aproveitalo, non si? Desta vez, a receita vai de dobre aproveitamento, porque estou segura de que algunha vez vos queda pola casa algún plátano moi maduro e non gusta ter que tiralos, polo que con este biscoito de plátano e cabaciña, temos todo solucionado.

biscoito de plátano e cabaciña

Como xa sabedes, levo unha boa ración de receitas de cabaciña e se andades a buscar ideas, recordade que podedes ir ao artigo onde están todas xuntas e buscar inspiración. Son unhas 30 e hainas doces, salgadas e as miñas favoritas, coas flores da cabaciña.

biscoito de plátano e cabaciña

O biscoito queda moi húmido e suculento, nada seco. Non vos fiedes moito das fotos porque de vacacións o meu fotógrafo descansa e non trae a cámara, polo que sacamos as fotos co móbil e non quedan igual. O plátano dálle un toque doce extra e por iso non lle cómpre moito azucre.

biscoito de plátano e cabaciña

E a cabaciña dálle humidade e por iso é unha receita que non leva nin manteigas nin aceites. E por certo, as pingas de chocolate botádellas si ou si, que lle quedan de vicio! E se tedes chocolate branco ou froitos secos, tamén lle quedarían moi ben. Eu en canto o probei, pensei que unhas noces picadas lle habían quedar de marabilla, penso que foi porque me recordou o sabor ao dos brownies.

Ingredientes

  • 150 gramos de fariña triga

  • 40 gramos de cacao

  • 1 culleradiña de fermento químico

  • 1 culleradiña de bicarbonato

  • 1 belisco de sal

  • 2 ovos

  • 200 gramos de plátano

  • 120 gramos de iogur grego

  • 100 de azucre moscovado

  • 115 gramos de cabaciña relada

  • 80 gramos de chocolate picado ou pingas de chocolate

preparación

  • Mesturamos todos os ingredientes secos: fariña, cacao, fermento, bicarbonato e sal, agás o azucre. Poñemos o forno a quentar a 175ºC. biscoito de plátano e cabaciña
  • E facemos o mesmo cos ingredientes húmidos: ovos, plátanos machucados, iogur e azucre.biscoito de plátano e cabaciña
  • Relamos a cabaciña e escorrémola un chisco. biscoito de plátano e cabaciña
  • Cortamos o chocolate en anaquiños e engadimos o chocolate e a cabaciña á mestura húmida.biscoito de plátano e cabaciña
  • E agora botamos os ingredientes secos sobre os húmidos. biscoito de plátano e cabaciña
  • Cubrimos un molde rectangular de 20×25 cm con papel de aluminio e manteiga. E botamos a masa do biscoito. biscoito de plátano e cabaciña
  • Enfornamos durante uns 40 minutos a 175ºC (dependendo do molde) ou ata que un escarvadentes cravado no centro saia limpo. biscoito de plátano e cabaciña

O paso a paso non ten dificultade e o resultado a min gustoume moito. É un biscoito que queda tipo brownie, húmido e cun sabor a chocolate moi, moi, moi sabedeiro. O tempo de enfornado dependerá do tipo de molde empregado. Este era baixiño e tardou pouco, se empregades un máis alto e estreito, halle levar máis tempo. Dádelle un bo uso ás vosas cabaciñas converténdoas en larpeiradas. 

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.