Torta de Santiago na cuncha

Vou comezar dicindo que eu non son moi de améndoa nas sobremesas, de feito, ata podería confesar que a Torta de Santiago non está entre as miñas preferidas, mais recoñezo que un bo toque de augardente quédalle de vicio, e fai que o sabor amargo da améndoa quede algo agochado, cousa que eu agradezo.

torta de santiago

Agora ben, así presentada, na cuncha queda ben bonitiña e é a ración perfecta para unha sobremesa individual. De seguro que ao velas, pasouvos como a min, amor a primeira vista. É un molde reusable e a desculpa ideal para mercar unhas vieiras na cuncha e facer o menú completo. Eu de vós probaría, sobre todo porque se me gustou a min, que non son moi seareira desta lambetada, a todas aquelas que devezades pola torta de Santiago, esta receita havos encantar.

Ingredientes para 10 cunchas

  • 10 cunchas de vieira

  • 250 gramos de améndoa moída

  • 250 gramos de azucre

  • 4 ovos

  • 1/2 culleradiña de canela en po

  • 1 cullerada de augardente da Ulla

  • manteiga para untar as cunchas

  • azucre en po para decorar

Preparación

  • Comezamos mesturando os ingredientes secos. E poñemos o forno a quentar a 180ºC.
  • Engadimos os ovos e a augardente e batemos ata que estea integrado.
  • Facemos unha cama de papel de aluminio para cada cuncha, para darlles máis estabilidade e engraxámolas coa manteiga e botamos masa sobre elas. Unhas 2 culleradas de masa por cada cuncha.
  • Enfornamos a 180ºC durante 20 minutos.
  • Deixamos arrefriar e decoramos cunha cruz de Santiago e azucre en po.

A torta de Santiago na cuncha é unha sobremesa cunha pinta espectacular que aínda mellora en cada trabada, sobre todo polo toque que lle dá a augardente. Desta vez, non teño imaxes do paso a paso porque aproveitei a receita que tiña escrita para o segundo libro que publiquei, sobre A Cociña do Camiño de Santiago, mais estou segura de que vos sairá de marabilla. Se probades, xa sabedes que eu estou encantada de que me ensinedes o resultado!

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.