Cogomelos recheados de mascarpone e espinafres

Hai receitas que xorden así, do pensamento, ou do feito de estar todo o santo día a mirar receitas, que ao final, algo queda! Non sei vós, mais eu non fago mais que mirar receitas, así despois ando con fame todo o día, mais iso xa é outro tema 🙂 Xa tiña unha receita de cogomelos recheados ao forno, mais desta vez quería facer unha versión diferente, máis cremoseira.

champiñóns recheados

O recheo non é nada orixinal, é un pouco o típico dos ravioli, mais cun toque diferente. O mascarpone cos espinafres queda moi ben e se lle engadimos un queixo que lle dea corpo e un puntiño picante, pouco hai que mellorar. Se conseguides cogomelos grandes, o resultado é moito mellor, pois o recheo ten menos probabilidades de escapar. Ademais a capiña de pan relado por riba fai que o exterior destes cogomelos recheados quede crocante e o interior moi suave e cremoso.

champiñóns recheados

Ingredientes

  • 300 gramos de espinafres

  • 250 gramos de queixo Mascarpone

  • 20 champiñóns grandes

  • Grana Padano ao gusto

  • Pementa branca ao gusto

  • Sal

  • Pan relado

Preparación

  • Lavamos os cogomelos con pouca auga e sacámoslles o pé. Deixámolos sobre papel absorbente para que escorran e sequen.
  • Fervemos os espinafres ata que estean no seu punto. champiñóns recheados
  • Mesturamos os espinafres cocidos, xunto co mascarpone, o Grana Padano, o sal e a pementa branca. Probamos ata que o topemos ao noso gusto. champiñóns recheados
  • Colocamos os cogomelos nun molde para forno ou na bandexa, cun pouco de aceite de oliva por abaixo. champiñóns recheados
  • Enchemos cada cogomelo con esta mestura, procurando non botar de máis e axudándonos dunha manga pasteleira. champiñóns recheados
  • Engadimos pan relado por riba para que nos axude a formar a capa crocante. Tamén podemos botarlle máis Grana Padano se non queremos engadirlle o pan relado. champiñóns recheados
  • Enfornamos a 200ºC durante uns 20 minutos ou ata que vexades que o cogomelo estea cociñado.

Os cogomelos é mellor non lavalos de máis, pois collen moita auga e despois tamén botan moita ao facelos ao forno, cousa que ao facelos recheados non nos interesa, pois queremos que o cogomelo quede seco e o recheo moi cremoso. É importante manter a proporción de mascarpone e espinafres, para que o recheo non quede moi líquido e corramos o risco de que acabe espallado pola bandexa do forno. Que no caso de que nos pase, tampouco é un problema, pois sempre se poderán comer igual e estarán moi bos. Eu non probei con acelgas, mais penso que tamén serían unha boa opción se as tedes na horta e queredes aproveitar. Iso si, habería que cortalas pequeniñas, para que despois queden ben no recheo.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.