Bolachas de parmesano

Hai uns anos, cando tiña máis tempo para escribir receitas e facía dúas por semana, adoitaba preparar unha doce e unha salgada. Agora que teño que ir buscando tempo como unha tola para ir facendo novas receitas, sacar as fotos, escribilas e publicalas, vou facendo un pouco máis segundo me cadre. Tiña algunha que outra receita no meu pensamento, mais por unha cousa ou por outra, non remataban por saírme tan ben como eu quería. Esta receita de bolachas de parmesano era un reto para min, pois penso que nunca antes fixera bolachas salgadas, e polo tanto, non sabía se me ían gustar ou se me sairían. Mais ao final, estas cousas son moito cuestión de facelas con calma e agarimo. E xa vos podo confesar que estou moi feliz co resultado.

bolachas de parmesano

As bolachas de parmesano son moi crocantes por fóra, desas que cando trabas, saen pequenos anacos, como pasa coas de manteiga; e cun sabor intenso a queixo, perfecto para as ratiñas e ratiños que gozan do queixo tanto coma min. Se non vos gusta o parmesano, non sei se me arriscaría, pois nótase ben o sabor. Son unhas bolachas bastante saudábeis, e aínda que levan un pouco de azucre, como sae unha cantidade xeitosas delas, sae máis ou menos a 1 gramo de azucre por bolacha. Non está nada mal, va que non?

bolachas de parmesano

Ingredientes para 33 bolachas

  • 180 gramos de fariña triga

  • 130 gramos de manteiga

  • 35 gramos de azucre

  • 1 belisco de sal

  • 120 gramos de parmesano relado

  • 50 gramos de xema de ovo (4 xemas aprox)

  • 10 gramos de auga

preparación

  • Mesturamos a fariña, o sal e o azucre xunto coa manteiga fría e amasamos ata obter unha mestura areosa. bolachas de parmesano
  • Pesamos 50 gramos de xema (que serán 4 xemas aproximadamente) e mesturamos cos 10 gramos de auga.bolachas de parmesano
  • Engadimos o parmesano á mestura de fariña.bolachas de parmesano
  • E as xemas coa auga.bolachas de parmesano
  • Amasamos ata formar un boliño, que gardaremos na neveira durante unha hora.bolachas de parmesano
  • Co rolo de amasar, e enfariñando previamente a superficie, alisamos a masa ata que teña 4 mm de ancho. Cun corta-bolachas, cortamos a masa da forma que máis nos guste. A min saíronme unhas 33 cun corta-bolachas de 5×5 cm. (Kukiconsello: Se está o día quente, é mellor que vaiades facendo anacos pequenos e deixedes o resto da masa no conxelador ou na neveira, pois se está quente é máis difícil de manexar). Non esquezades enfariñar de cando en vez. bolachas de parmesano
  • Poñemos as bolachas sobre un papel de forno na bandexa e enfornamos a 180ºC durante uns 15 minutos ou ata que vexamos que collen unha fermosa cor dourada. Non aumentan de tamaño, polo que podedes poñelas ben xuntiñas. bolachas de parmesano

Cando as saquemos do forno, estarán aínda brandas, o mellor é deixalas repousar sobre a grella e ao que vaian arrefriando, iranse poñendo crocantes. Para conservalas, gardarémolas nunha lata con anacos de papel de forno entre unha capa e a outra. Así, evitaremos que collan humidade e se poñan brandas, conservando a textura crocante. Hai quen tamén lle engade especias, como o romeu ou a alfábega. Como sempre vos digo, iso xa a gustos. Todo é cuestión de probar. Eu só agardo que probedes e vos gusten tanto como a min.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.