Biscoito manteigoso de framboesas

Penso que non teño moitas receitas de framboesas no blogue porque en canto chegan a casa, hai quen dá boa conta delas, polo que non adoito ter moita oportunidade de facer unha lambetada con elas. Desta vez, houbo sorte e puiden facer un biscoito manteigoso de framboesas. E é que son un froito que aquela ben con calquera lambonada, xa sexa como recheo, para decorar, en marmelada ou de calquera xeito. 

biscoito manteigoso

A preparación é moi rápida e sinxela, basicamente mesturar tódolos ingredientes e enfornar. E se non sodes moito de framboesas, non pasa nada, uns arandos, amoras ou amorodos tamén lle han quedar de marabilla. Xa sabedes que coa froita, o mellor é aproveitar a que estea de tempada ou a que teñades pola horta.

biscoito manteigoso

Eu engadín 30 gramos de fécula de pataca porque quería probar a ver como quedaba, pois din que fai que os biscoitos queden mellor. Se non a tedes a man, engadides eses 30 gramos de fariña triga e listo. É un biscoito que queda cunha textura similar á dos blondies, non é esponxoso, senón máis ben manteigoso e cremoso, deses que semellan derreterse na boca en cada trabada.

biscoito manteigoso

IngredientES

  • 220 gramos de fariña triga xirgada

  • 30 gramos de fécula de pataca

  • 1 culleradiña de fermento químico

  • 1/2 culleradiña de sal

  • 115 gramos de manteiga

  • 145 gramos de azucre branco

  • 2 ovos

  • 60 gramos de iogur natural sen azucre

  • 2 culleradiñas de esencia de vainilla

  • 120 ml de leite enteiro

  • 125 gramos de framboesas

  • Un pouco máis de fariña para enfariñar as framboesas

preparación

  • Mesturamos os ingredientes secos e os húmidos e despois imos xuntando ámbalas dúas mesturas pouco a pouco. Poñemos o forno a quentar a 175ºC con calor por arriba e por abaixo. biscoito manteigoso
  • Enfariñamos as framboesas cun pouco de fariña para que despois non vaian para o fondo do biscoito.biscoito manteigoso
  • E engadímolas á masa, mesturando con movementos suaves.biscoito manteigoso
  • Forramos un molde 20 cm con papel de aluminio ou papel de forno e un chisco de manteiga. Botamos a masa.biscoito manteigoso
  • Enfornamos a 175ºC durante uns 45 minutos ou ata que un escarvadentes cravado no centro saia limpo. biscoito manteigoso

Como vos dicía, non é o típico biscoito esponxoso, que medra moito no forno e queda con moito aire polo medio. É un biscoito húmido, cunha textura máis densa e manteigosa. O sabor é moi suave, cun toque a vainilla e o perfecto acompañamento das framboesas. Se tedes limón e non vainilla, coido que lle ha quedar tamén moi ben o contraste do cítrico e a cremosidade da súa textura.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.