Batatas a murro

Non sei se xa vos contei que hai anos e anos que non viaxo ao Porto. Fiquei tan namorada de Lisboa, que sempre acabo voltando. Ou remato por baixar ata máis ao sur e descubrir outros lugares onde nunca estiven antes. O caso é que coa desculpa de que xa fora de pequena, acababamos por darlle prioridade a outras cidades. Mais, ao fin, no 2020 iamos voltar. Xa tiñamos todo reservado, restaurantes mirados, aloxamento, entradas, roteiros…mais chegou a pandemia e quedei sen ir. Polo que aínda teño ese pequeno cravo aí, ata que poidamos ir.

batatas a murro

E cóntovos todo isto para dicirvos que teño saudade de viaxar e, sobre todo, de vivir Portugal. E unha maneira sinxela de poder viaxar a un lugar sen moverse da casa é a través da súa gastronomía. É curioso, ou tal vez non, mais teño que recoñecer que nunca me cadrou de probar as batatas a murro en Portugal, ou ben non o recordo, que tamén pode ser. Agora teño outra razón máis para voltar, probalas alí, claro. Paréceme unha receita ben orixinal, con moito sabor, saudábel e cunha textura que estou segura que vos ha namorar.

batatas a murro

Alén do Miño, adoitan facelas para acompañar o bacallau. A min gustáronme como acompañamento de todo, e tamén as tomaría sen compaña, que non precisa moita, sobre todo se as mollamos en prebe. Estou segura de que calquera lle ha quedar ben. Non hai que pranar as patacas, que xa é importante, e como se fan cocidas e ao forno, tampouco hai que andar moi pendente delas, como se foran fritidas. Para condimentalas, non precisan moita cousa. O básico é aceite e sal. Eu boteille un chisco de pemento doce, hai quen lle bota romeu ou outras herbas aromáticas. Iso xa, a gustos.

IngredientES

  • 16 patacas pequenas

  • auga

  • sal

  • aceite

  • especias ao gusto, eu empreguei pemento doce (opcional)

preparación

  • Lavamos ben as patacas coa pel e poñémolas a cocer en auga con sal ata que estean brandas. Poñemos o forno a quentar a 180ºC.batatas a murro
  • Deixamos que arrefríen.
  • E cunha cunca, imos espachurrando cada unha das patacas.batatas a murro
  • Ata que queden máis ou menos así, como se ve na imaxe.batatas a murro
  • Poñemos cada pataca esmagada na bandexa do forno e engadimos un chisco máis de sal, aceite e pemento doce. Podedes engadir outras especias, ou simplemente deixalas co aceite e o sal.batatas a murro
  • Enfornamos durante uns 15 minutos e durante outros 5-10 coa grella para que queden torradiñas.

Son unhas patacas moi saudábeis, sinxelas de facer e o seu sabor é incríbel. Cremosas por dentro e cun toque crocante por fóra, as batatas a murro son o complemento perfecto para calquera prato, ou ideais para mollar en prebe. Eu de vós, non agardaría moito para facelas!

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.