Tortilla con rixóns

Unha das cousas que me gusta da gastronomía e das receitas en xeral, é o partillalas. Saber que alguén me deixou ese anaquiño de coñecemento e tradición, faime especialmente feliz. Por iso cando alguén me dá algunha receita, ou me aprende a facela, sinto que, dalgunha maneira, me compartiu un segredo, unha parte do seu ser e do seu facer. Xa vos digo tamén que non é o caso desta receita de tortilla con rixóns, polo menos non de toda a receita.

tortilla con rixóns

Dicíavos isto pola receita dos rixóns. Os rixóns na miña familia paterna fainos a miña tía Marité. Ela aprendeunos da miña avoa Elisa e eu, aínda que non aprendín de todo como se fan, gozo moito co proceso. Fainos con moito agarimo, pouco a pouco, a lume lento na cociña económica e o día da mata do porco, por suposto.

Sempre lle saen ben, aínda que ela sempre o dubide e pense que non lle quedaron tan ben. E eu non como doutros rixóns que non sexan os dela porque, evidentemente, non me saben igual. É un proceso longo e canso. Hai que manter o lume a boa temperatura, remexer de cando en vez, mais sen pasarse, apretalos moi ben para sacarlles a graxa e deixar que arrefríen e queden no seu punto. Coa graxa, as papas, por suposto, con fariña e azucre.

tortilla con rixóns

E por todo iso, esta receita de tortilla con rixóns non ten nada máis especial que estar feita cos saborosísimos rixóns da miña tía Marité. E podería facer outro capítulo aparte co boa que está a súa tortilla. Non hai quen se resista, cómese aínda sen fame.

Ingredientes

  • 4 patacas xeitosas

  • 5 ou 6 ovos

  • 1 cebola

  • rixóns ao gusto

preparación

  • Pranamos e cortamos as patacas en láminas. Cortamos tamén a cebola. Salgamos.tortilla con rixóns
  • Fritimos as patacas e a cebola en abundante aceite de oliva. tortilla con rixóns
  • Cortamos un anaco de rixóns.tortilla con rixóns
  • E pasámolos pola tixola para que queden ben torradiños e saia a graxa.tortilla con rixóns
  • Nun bol, botamos os ovos e engadimos un chisco de sal. tortilla con rixóns
  • Batemos e engadimos os rixóns.tortilla con rixóns
  • Cando as patacas e a cebola estean fritidas, engadímolas ao ovo. Remexemos.tortilla con rixóns
  • Facemos a tortilla cos rixóns a lume lento ata que estea callada por un lado. Despois dámoslle a volta e deixamos que se faga tamén polo outro lado. tortilla con rixóns

A min gústame que quede un pouquiño desfeita polo medio, mais iso xa depende do gusto de cada unha. Persoalmente, devezo polos rixóns e na tortilla quedan realmente moi ben. E se aínda non os probastes nas filloas de caldo, iso é xa outro nivel!

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.