Pan de trigo mouro

Son un chisco preguiceira á hora de pasar moitas horas na cociña. E iso que me gusta cociñar, mais non son de receitas desas nas que hai que botar horas e horas argallando na cociña. Por iso penso que nunca serei quen de facer pan na casa. Iso de ter que amasar, facer dobreces, agardar a que levede, e voltar comezar, non é o meu. E non vos digo nada facer o fermento. Se non fun quen de facelo durante o confinamento, é claramente un sinal de que iso non é o meu. Por iso esta receita de pan de trigo mouro é perfecta para xente coma min.

pan de trigo mouro

Porque non precisaremos nin moito tempo, nin moito esforzo. Ademais, sempre é un gusto ter unha receita de pan rápido, sen glute e sen levedo fresco e que non precise nin de tempo de levedo nin de amasado. Este pan de trigo mouro é unha marabilla, vaia. E o mellor de todo é que só nos compren 5 ingredientes e unha preparación moi sinxela, onde o paso mais difícil é mesturar.

pan de trigo mouro

As sementes son opcionais, mais danlle un toque crocante que eu penso que lle queda moi ben. O resultado é un pan cun miolo moi tenro e cun sabor que non ten nada que envexarlle a calquera pan tradicional. No canto de iogur de cabra, podedes empregar tamén kéfir. Con iogur de vaca non probei, mais de seguro que tamén queda moi ben. Se facedes a proba, xa me contaredes.

pan de trigo mouro

IngredientES

  • 500 gramos de iogur de cabra

  • 300 gramos de fariña de trigo mouro

  • 1 culleradiña de sal

  • 1 culleradiña de bicarbonato de soda

  • 2 culleradiñas de vinagre de viño

  • sementes: xirasol, cabaza e sésamo (opcional)

preparación

  • Mesturamos tódolos ingredientes agás as sementes. Poñemos o forno a quentar a 200ºC.pan de trigo mouro
  • Untamos un molde rectangular con aceite de oliva e botamos a masa enriba.pan de trigo mouro
  • Engadimos as sementes que máis nos gusten.pan de trigo mouro
  • E enfornamos durante 40 minutos a 200ºC.
  • Sacámolo do forno e deixamos que arrefríe durante uns 10 minutos dentro do molde. Despois xa o podemos sacar e deixar que arrefríe por completo.

A min sorprendeume moito o resultado tan sabedeiro dun pan con tan poucos ingredientes, tan saudábel, sen glute e cunha preparación tan sinxela, por iso vos animo a que o probedes, porque paga a pena degustalo e gozalo. Bo proveito!

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.