Bolachas de chorimas

Nada máis comezar a falarvos sobre esta receita de bolachas de chorimas, teño que dicirvos que descubrín hai moi pouco tempo que estas pequenas flores amarelas do toxo eran comestíbeis. De feito, segundo fun partillando este coñecemento cos demais, decateime de que non era a única, e de que é algo descoñecido para moita xente.

bolachas de chorimas

O seu sabor non é sinxelo de describir, eu diría que está entre o sabor do coco e o da vainilla, mais de seguro que aí hai máis dunha interpretación posíbel. A min parecéronme doces, e penso que aportan un toque que lle quedaría ben a calquera lambetada, sobre todo vendo o ben que lle prestan a estas bolachas de chorimas.

bolachas de chorimas

Dubidei moito sobre que facer con elas. O bo que ten facer receitas coas chorimas é que non son un produto difícil de atopar, polo que se pode probar e probar sen medo. O que vos dicía, dubidei moito, pois tamén pensaba que unhas madalenas ou un biscoito quedarían moi ben con elas, mais ao final, decanteime por facer as bolachas. Tampouco teño unha razón de por que decidín facer bolachas e non outra cousa, mais pensei que quedarían moi ben de sabor, e aínda mellor de textura e apariencia.

bolachas de chorimas

Hai que as emprega para facer té, licor, viño, sirope e infinidade de doces. Eu xa vos digo que, desde hoxe, declárome seareira absoluta destas floriñas e do sabor que deixan. Non estaba eu moi segura de como quedarían, mais as bolachas son crocantes e manteigosas, cun punto doce e o sempre interesante sabor que lle dan as chorimas. Se aínda non as probastes, nunca é tarde para ir dar un paseo polo monte e apañar unhas chorimas e poder preparar unhas bolachas como estas que están ata para relamber a bandexa do forno. 

Ingredientes para 25 bolachas

  • 250 gramos de fariña triga

  • 120 gramos de azucre en po

  • 3 ou 4 culleradas de chorimas

  • 200 gramos de manteiga

  • 1 belisco de sal

PREPARACIÓN

  • Comezamos seleccionando as chorimas máis xeitosas, sacándolles a parte exterior máis verde e peluda e tamén o pistilo, deixando só os pétalos. Poñemos o forno a quentar a 180ºC. bolachas de chorimas
  • Batemos a manteiga ata que fique cremosa e engadimos os pétalos lixeiramente picados, mesturando todo ben para que a manteiga colla o sabor das chorimas. bolachas de chorimas
  • Engadimos o azucre en po e mesturamos.bolachas de chorimas
  • Botamos tamén a fariña xirgada para evitar os gromos e amasamos ata que teñamos unha masa uniforme e que non se pegue nas mans.bolachas de chorimas
  • Estiramos a masa co rolo entre dous papeis de enfornar ata que teña uns 5-7 mm de ancho (máis ou menos) e deixamos que arrefríe na neveira durante uns 45 minutos. Así a masa quedará máis dura e seranos máis sinxelo cortala co cortapastas. bolachas de chorimas
  • Cun caneco, cortaremos a masa en pequenos círculos. O meu ten 6 cm de ancho e saíronme 25 bolachas. Contade que medran uns 2 cm no forno. É posíbel que teñades que meter a masa na neveira de cando en vez porque en canto colle calor, custa un chisco sacalas.bolachas de chorimas
  • Enfornamos a 180º durante uns 10-15 minutos ou ata que vexamos que as beiras comezan a dourarse. Non as xuntedes moito, unhas 8 ou 9 por bandexa, para que non se peguen. Despois deixarémolas arrefriar uns minutos na bandexa do forno porque están brandiñas ao sacalas.bolachas de chorimas
  • E despois deixarémolas sobre a grella para que arrefríen de todo.
  • E xa estarían listas as nosas bolachas de chorimas.

O ideal é gardalas nunha lata, pois así aguantan crocantes uns días, non vos podo dicir se aguantan moitos días porque aquí duraron só dous días, e así pouca comprobación puiden facer. Aínda que ao sacalas do forno as vexades moi brandas, non pasa nada, ao arrefriaren estarán crocantes por fóra e moi manteigosas na boca. Un verdadeiro pracer para todos os sentidos.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.