Brownie de té matcha

Este brownie de té matcha é a típica receita de sobremesa xaponesa que non é moi larpeira, mais non podes parar de repetir e acabas por comer todo o brownie nun día e con ganas de facelo (e comelo) outra vez. Xa vos adianto que o resultado non é un brownie moi doce, mais o conxunto do doce do chocolate branco, xunto co amargor do té matcha, remata sendo unha maridaxe que resulta perfecta, tanto no sabor como na textura.

brownie matcha

E tamén vos confeso que na primeira trabada pensei que non me ían gustar, pois agardaba un sabor moito máis azucrado. Supoño que polo costume de facer lambetadas cun exceso de azucre, que ao final non nos deixan nin gozar do sabor real de cada ingrediente. Eu recomendaríavos que non caiades na tentación de engadirlle máis azucre, e que non xulguedes esta marabilla de brownies na primeira proba.

brownie matcha

Déixovos outra imaxe para que o vexades ben de preto e, por se aínda non vos convencín, xa caiades totalmente na tentación. Para que quede así máis gordiño, o molde non ha de ser moi grande. Eu non tiña un molde tan pequeno, e fixen unha adaptación cun molde que xa tiña. No paso a paso púxenvos unha imaxe.

Ingredientes

  • 20 gramos de té matcha

  • 80 gramos de chocolate branco

  • 70 gramos de fariña triga

  • 40 gramos de noces

  • 70 gramos de manteiga

  • 60 gramos de azucre

  • 2 ovos

  • 2 culleradas de leite

preparación

  • Xirgamos o té matcha e maila fariña. Reservamos.
  • Mesturamos a manteiga e mailo azucre ata que fique cremoso.
  • Engadimos os ovos e mesturamos de novo.
  • Derretemos a metade do chocolate xunto co leite.
  • Engadimos a fariña e o té á mestura de manteiga.
  • Botamos tamén o chocolate desfeito co leite.brownie matcha
  • E a metade das noces picadas. brownie matcha
  • Botamos a mestura no molde e engadimos o resto das noces picadas e o chocolate picado.brownie matcha
  • O molde ha de ser de 15×15 cm. Como eu non tiña un deste tamaño, fixen unha pequena adaptación, como podedes ver na imaxe.brownie matcha
  • Enfornamos a 170ºC durante uns 20 minutos. E listo!

É moi importante agardar a que o brownie de té matcha estea totalmente frío para cortalo, pois se nos apuramos, corremos o risco de que rompa. E como xa sei que vós só lle vedes a boa pinta e que, obviamente, non o podedes probar así desde o blogue, só me quedar dicirvos que o sabor é moito mellor aínda do que semella. Se sodes seareiras do té matcha coma min, xa estades tardando!

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.