Zonchos

Ata hai ben pouco descoñecía esta tradición do Día de Tódolos Santos ou do Día de Defuntos de facer colares ou rosarios de zonchos (as castañas cocidas coa pela) mais ao final preguntando, resultou ser algo moi habitual en moitos fogares e familias. De feito, miña nai tamén as facía e levaba cando era pequena. Hai quen di que por cada castaña comesta, sálvase unha ánima do purgatorio, ou tamén que se empregaría como un amuleto contra os malos espíritos. O caso é que se facían para poñerllos á cativada de colar e despois as crianzas comían os zonchos directamente do colar.
Se tedes curiosidade, botádelle un ollo ás fotos antigas de pequerrechas e pequerrechos cos zonchos e veredes uns colares moi longos. Ás veces, ata levaban máis dun. Eu fixen unha versión máis pequena, mais pensándoo ben, cantas máis ánimas salvemos do purgatorio, ou máis protexidas vaiamos, moito mellor, non? 🙂

Aínda estades a tempo de preparalos para vós ou para as máis pequenas e pequenos da casa. Xa veredes que lles ha gustar moito axudarvos a facelos, e, por suposto, comelos.

Ingredientes

  • 31 castañas (eu puxen unha por cada día de outubro, por iso do Samaín e as meigas)
  • Sal
  • Anís
  • 1 fío negro
  • 1 agulla

Preparación

  1. Cocemos as castañas coa pela cun chisco de sal e anís durante uns 30 minutos ou ata que as poidamos cravar cun coitelo con facilidade.
  2. Deixámolas arrefriar un chisco e pola parte inferior, cravamos a agulla cun fío negro dobre.
  3. Sacámola polo outro lado e facémoslle un nó para que non escapen.
  4. Repetimos o proceso con tódolos zonchos e unimos os dous remates para pechar o colar. E listo!

Realmente paréceme unha tradición moi fermosa, con moita historia e cun chisco de misterio, como é lóxico nestas datas, que non se debía perder. Ademais, os zonchos saben moi ben, conservan moito o sabor da castaña e non hai que andar estonándoas antes, que dá moito choio. E estou segura de que á cativada lle ha gustar levar postos os rosarios de zonchos e poder ir meténdolle o dente ás castañas cando lles apeteza. (Ao meu encantoulle!!!)

5 Comments

  1. Ola. Poderías facer a receita da tarta larpeira ? Por favor?

  2. Vale. Espero que che salga ben a receita .Saudos

  3. Poderias facer Zorzas ? E moi tipico de Galicia

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.