Xema e Clara: unha receita a prol da saúde mental

Ola a todas e todos,
Este artigo que estades a ler é algo diferente aos de sempre. E digo que só é algo diferente porque o que vos vou contar tamén é unha receita. Unha receita para crearmos emprego para persoas con problemas de saúde mental, e na que nós podemos aportar os ingredientes necesarios para facelo posíbel.

Esta campaña da que vos estou a falar é unha das primeiras iniciativas de Entrelampo e con ela, pretenden dar vida a “Xema e Clara“, un proxecto que consiste en reformar unha vella nave situada no concello de Chantada (Lugo) para transformala nunha granxa adaptada ás necesidades das galiñas campeiras.
E todo isto xorde dunha necesidade vital, dun desexo de cambio, de transformación e de inclusión.
Ás veces descoñecemos ata que punto pode ser difícil nesta vida poder conseguir un traballo para quen sofre un problema de saúde mental. De feito, só o 5% das persoas con problemas de saúde mental graves traballan. A maioría dos que conseguen traballo pérdeno en menos de seis meses, e, o máis dramático, o 90% queren traballar. Estamos ante un grave problema de xustiza social que atenta contra os dereitos fundamentais deste colectivo.
Os motivos desta terríbel situación son multifactoriais, e abarcan desde problemas propios das enfermidades ata as barreiras sociais, como son o descoñecemento e prexuízos da sociedade que conforman o ESTIGMA, e abarcan a tódalas capas sociais: civís, empresariais, políticas, e incluso socio-sanitarias.
O beneficio do traballo neste colectivo ten valores engadidos, a parte do propio beneficio retributivo, proporciona uns beneficios a nivel produtivo –desenvolvemento cognitivo, organiza a vida cotiá e facilita as relacións sociais- e aumenta a valoración social, desprazando o rol de “enfermo” polo de traballador, convertendo a recuperación nunha realidade.
Mais o ingrediente principal para que todo isto sexa posíbel es ti. E para iso, este proxecto precisa unha inversión de entre 30.000€ – 85.000€. Coa cantidade mínima poderían facer unha reforma básica da actual nave, permitindo iniciar a actividade cun número reducido de galiñas. Mais se conseguen chegar á cantidade óptima da recadación poderían aumentar o número de galiñas campeiras e, polo tanto, o número de traballadores, verdadeiro obxectivo do proxecto. Neste caso, xeraríase emprego para cinco persoas, tres delas con diversidade funcional de tipo psíquico.
E se con todo isto aínda non vos convencín de que esta receita é a mellor que teño en todo o blogue, penso que con isto xa vos gaño de vez. Que vos parecería recibir unha ducia de ovos frescos e de galiñas felices cada mes na vosa casa? Xa vos digo eu que non hai mellor cousa para facer as lambetadas máis sabedeiras. Pois esta é só unha das marabillosas recompensas que podedes atopar ao colaborar con este proxecto.
Agora só vos queda poñervos coas mans na masa e facer posíbel un proxecto motivado polas alarmantes cifras de desemprego do colectivo, que impiden calquera posibilidade de recuperación e empoderamento de cara a unha inclusión social plena e conducen á exclusión e á pobreza.
Non agardes máis e fai que este fermoso e necesario proxecto se converta nunha realidade!
Para máis información e para colaborar no proxecto, só tes que premer nesta ligazón e seguir os pasos.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.