Samosas veganas

Samosas veganas

Aínda non sabedes canta ilusión me fixo tódalas ideas que me fostes dando nas redes sociais cando fixen a rifa do libro. (Xa vos adianto que esta receita de samosas veganas xurdiu dunha desas ideas). E xa que estamos de confesións, vouvos dicir que realmente a min venme moi ben saber as vosas ideas porque son unha persoa totalmente anti-rutina. Non soporto comer sempre o mesmo, e sinto a necesidade de andar a probar pratos novos porque se me vira na obriga de comer sempre os mesmos pratos, case vos diría que preferiría non comer. Tamén é verdade que algúns pratos non me cansan nunca, mais sempre preciso ir variando algo. E isto pásame con case todo, de aí que tamén sexa raro abondo que despois de 7 anos aínda siga adiante con este blogue. E penso que é así porque en moitas ocasións, cando sinto nugalla ou canso de escribires as receitas, de súpeto alguén me pregunta algunha dúbida sobre algunha receita, ou mandádesme unha foto ou me comentades algo, e a miña ilusión volta aínda con máis forza. Polo que tede por seguro que non vos minto cando vos digo que me fai moi feliz saber de vós. E agora imos ao que hai que ir. Unha desas ideas foi algunha receita con chícharos. Ai, mais aquí temos un pequeno problema. Non gosto dos chícharos. Si, son lambona, mais hai cousas que non me prestan e unha delas é esta. Iso si, se fago algún prato que os leva, tampouco llos saco, de feito a ensalada rusa ou o arroz fritido sempre os fago con eles, mais non creo que me vexades tomando uns chícharos con xamón, por exemplo. Mais de súpeto, veume á cabeza unha receita que xa había un tempo que tiña gana de probar a facer na casa e que leva chícharos. Pois xa está. Non hai máis escusas. Esta receita de samosas veganas é moi sinxela e rápida. Eu non teño chícharos da horta e empreguei uns en conserva, polo que aínda me levou menos tempo. Agora ben, o sabor tampouco ten nada que ver. Para as patacas, déixovos unha dica para facelas máis axiña, e as especias… Un pouco ao voso gusto. Imos aló!

Ingredientes para 12 samosas

  • 3 patacas
  • 1 lata de chícharos en conserva
  • 4 follas de pasta filo
  • cúrcuma, comiño e curri ao gusto
  • Sal e aceite

Preparación

  1. Comezamos cocendo as patacas no microondas. Para iso, pelámolas, facémoslles buratos co garfo, envolvémolas en papel de enfornar e metémolas no microondas durante uns 5-6 minutos, dependendo do tamaño das patacas.
  2. Cando xa estean, sacámolas e cortámolas en anacos desiguais e pequenos. Ten que quedar cunha textura entre pataca cocida e puré de pataca.
  3. Nunha tixola, botamos unhas culleradas de aceite e engadimos as patacas, os chícharos e mailas especias.
  4. Cortamos unha folla de masa filo cun cortapizzas en 3 partes iguais, poñemos un anaco de recheo nunha beira e imos envolvéndoo coa masa formando triángulos, como se ve na imaxe.
  5. Ao chegar ao final, pechamos a masa con auga.
  6. Repetimos este proceso co resto do recheo e fritimos a lume medio ata que fiquen douradas. Tamén as podemos enfornar durante uns 23 minutos a 180ºC.

Esta versión exprés é moi socorrida para preparar un xantar ou unha cea en pouco tempo. Se dispoñedes de máis tempo, podedes facer a masa caseira. Eu estas fritinas e despois fixen tamén unha versión con polo picado con pemento amarelo e cebola e fíxenas ao forno a 180ºC durante 23 minutos e quedaron tamén moi crocantes e sabedeiras, e mais saudábeis, claro. Iso xa como vexades. A min penso que me gustou máis a versión de forno. Se vos presta facer moitas samosas para despois conxelalas, hai que enfornalas durante uns 5 minutiños e despois, cando arrefríen, xa se poden conxelar. Tanto esta versión vegana como a de polo están moi boas e xa sabedes que o mellor é probar con aqueles ingredientes que máis voa gusten e de seguro que estarán boísimas. Nesta versión, só empreguei unha masa para cada samosa, mais podemos empregar dúas á vez. Para iso, temos que untar con manteiga desfeita unhas das follas de masa filo e poñer a outra por riba. Así, a samosa terá unha maior consistencia e quedará máis crocante.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.