Hummus de pemento vermello

Gústanme moito as receitas de hummus e patés, porque con poucos ingredientes e en moi pouco tempo tes unha cea ou un petisco ben xeitoso e saudábel. O hummus tradicional é o máis sinxelo, mais aproveitando que se fai tan rápido, dá gusto probar outras combinacións, especialmente se engadimos verduras (como no caso deste hummus de pemento vermello asado) ou froitos secos, facendo que aínda sexa unha receita máis completa, nutritiva e saudábel. E esta foi unha das ideas que me destes polas redes sociais cando vos preguntei para rifar o libro e o certo é que estou moi contenta de telo probado e hei repetir seguro! Imos aló!

Ingredientes

  • 1 pemento morrón vermello
  • 1 bote de garavanzos cocidos
  • 1 allo pequeno
  • 1 cebola pequena
  • 2 culleradas de tahina
  • 2 culleradas de aceite de oliva
  • 1 cullerada de aceite de sésamo torrado
  • 1 culleradiña de pemento vermello
  • 1 culleradiña de comiño
  • Zume de 1/2 limón
  • Pementa e sal ao gusto

Preparación

  1. Limpamos o pemento e sacámoslle rabo e sementes. Poñémolo a asar na grella a 250 graos ata que estea asado e a pel saia con facilidade.
  2. Deixámolo arrefriar un chisco e sacámoslle a pel.
  3. Poñémolo nunha picadora e picámolo xunto co resto dos ingredientes.
  4. Decoramos con aceite de oliva ou sésamo e pemento vermello.

Como vedes, a dificultade é mínima e, aínda que a base sexa de garavanzos, o pemento vermello asado dálle un cambio de sabor e unha textura que de verdade me gustaron moito. Así, cambiando só un ingrediente, temos un prato case totalmente diferente. E como sempre vos digo, probade. Esta é a miña versión, pero engadide ou sacade aqueles ingredientes que non vos gustan ou probade con máis pemento. Para degustalo, a opción máis saudábel son unhas verduras cortadas en pauciños, mais tamén se pode empregar pan torrado na casa e aproveitamos algún pan duro que teñamos.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.