Bolachas de leite mazado

Bolachas de leite mazado (buttermilk biscuits) 

Voltei facer manteiga caseira por 3 razóns, unha, porque devezo polo seu sabor, dúas, porque quería probar a facer unha receita co soro que queda, e que tirei da outra vez e tres, porque así aproveitaba para celebrar con outra receita de bolachas o Día Nacional da Bolacha. Non adoito eu ser unha persoa moito de tirar cousas na cociña, mais non sei por que me deu por pensar que ese leite que quedaba da manteiga, non servía para nada. Mais desta vez, probeino e gardeino. O sabor é semellante ao do leite, mais cun toque máis amargo. Segundo me comentaron polas redes sociais, ben podería ser o chamado leite mazado (leitelho), que é o leite que queda despois de facer a manteiga, e o que en inglés se coñece como buttermilk (un nome bastante obvio, ben mirado).

Este leite mazado serve para moitas receitas: biscoitos, cremas de ovo, panquecas, pan de soda irlandés, e mesmo me dixeron que vai moi ben para abrandar a carne antes de metela no forno, especialmente para o cordeiro. Eu tráiovos aquí unha receita onde usaremos a manteiga caseira e mailo leite mazado, así aproveitaremos as dúas elaboracións na mesma receita. Cando falamos de biscuits, podemos falar de cousas ben distintas, ou ben dunhas bolachas das de sempre, cunha textura crocante e doces, ou ben dunhas coma estas, tipo mini biscoitos, con moito sabor a manteiga, unha textura brandiña, e sen azucre, diría eu que son máis tipo scones.

Ingredientes para 10 bolachas

  • 210 gramos de fariña para biscoitos (da que xa leva fermento) + a que precisemos para enfariñar
  • 180 gramos de leite mazado ben frío, da neveira
  • 90 gramos de manteiga caseira conxelada
  • 30 gramos de manteiga caseira

Preparación

  1. Pesamos a fariña sen peneirar e relamos a manteiga conxelada cun relador de burato ancho.
  2. Mesturamos lixeiramente cun garfo, non coas mans, para non derreter a manteiga.
  3. Engadimos o leite mazado e, co garfo, mesturamos remexendo unhas 15 veces ata que vexamos que se integrou todo ben. É importante non amasar de máis. A masa quedará pegañenta.
  4. Enfariñamos a mesa de traballo, poñemos a masa e enfariñamos o rolo de amasar. Amasamos dándolle forma rectangular e dun dedo de ancho e dobramos a masa en 3. Repetimos esta operación unhas 5 o 6 veces.
  5. Estiramos a masa ata que teña uns 12 mm de ancho e cun cortador ou unha tapa redonda, cortamos a masa. É importante non xirar o cortapastas para que despois non queden tortas.
  6. Colocamos as bolachas sobre un papel de forno na bandexa, unhas pegadiñas ás outras e por parellas.
  7. Enfornamos a 200ºC durante 15 minutos con calor por arriba e por abaixo, ou ata que vexamos que collen unha lixeira cor dourada por riba.
  8. Derretemos os 30 gramos de manteiga e pintamos as bolachas cunha boa cantidade. E listo!

A verdade é que o mellor é tomalas canto antes, aínda quentiñas, pois é cando máis se lles nota o sabor a manteiga. A min así quentiñas recórdanme ao sabor dun croissant de manteiga, mais sen ser doce. Pódense abrir ao medio e botarlles máis manteiga, con ou sen sal, engadir marmelada, chocolate… Quédalle ben calquera recheo, tanto doce como salgado. Non son unhas bolachas das de sempre, mais é certo que o sabor, a preparación e os ingredientes fan que o resultado final sexa espectacular. E que me dicides das capiñas tan fermosas que quedan despois de enfornadas? Unha marabilla!
Se antes tiñades dúbidas de se facer a manteiga caseira ou non, agora xa non hai desculpa, aínda que só sexa por farcerdes esta receita. Bo proveito!

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.