Bolachas de chocolate

Bolachas de chocolate


En canto souben que hoxe tería a sorte de poder facer unha receita para celebrarmos o tradicional Día Nacional da Bolacha, sabía que nada mellor que unha receita de bolachas de CHOCOLATE. Porque hai unha cousa que non podemos negar, todo con chocolate sabe mellor. Ademais, esta receita teno todo para ser unha das mellores bolachas de chocolate da vosa vida. E así o digo, sen medo, porque sei que non erro. E o mellor de todo é que tanto a preparación como os ingredientes non teñen ciencia ningunha, e ademais, veredes que o último paso é especial e fai que estas bolachas queden así de fermosas e saborosas.

Por certo! Non sei se recordades unhas pequenas lambetadas que había a vender cando eramos máis pequechos que se chamaban capirotes (a verdade non sei se aínda as venden agora), pois o sabor destas bolachas trasladoume á miña infancia e ao seu sabor. Se alguén as proba e tamén lle recorda, que me conte! Imos aló!

Ingredientes para 12 bolachas

  • 115 gramos de manteiga
  • 65 gramos de manteiga de cacahuete
  • 100 gramos de azucre branco
  • 100 gramos de azucre moreno
  • 1 culleradiña de sal
  • 1 ovo
  • 1 culleradiña de esencia de vainilla
  • 25 gramos de cacao en po sen azucre
  • 1/2 culleradiña de bicarbonato
  • 1/2 culleradiña de fermento químico
  • 140 gramos de fariña triga
  • 150 gramos de pingas de chocolate

Preparación

  1. Poñemos a derreter nun cazo a manteiga e maila de cacahuete. E poñemos o forno a quentar a 175ºC con calor por arriba e por abaixo.
  2. Mentres, mesturamos os azucres e o sal e batémolo todo xunto coa mestura de manteigas.
  3. Engadimos o ovo e maila vainilla e batemos.
  4. Mesturamos a fariña (sen peneirar), o bicarbonato, o fermento e mailo cacao e engadímolos á mestura previa.
  5. Cando estea ben integrado todo, engadimos as pingas de chocolate e mesturamos de novo.
  6. Facemos bólas duns 63 gramos e poñémolas na bandexa ou na grella do forno forrada con papel de enfornar cunha separación duns 5 cm entre cada una. Unhas 6 por bandexa. De feito, podedes poñer 6 na bandexa e 6 na grella, pois haberá que deixalas arrefriar totalmente antes de sacalas.
  7. Enfornamos durante uns 10-11 minutos a 175ºC. Veredes que as bolachas aínda están sen acabar de facer e están infladas e non planas de todo. E que temos que facer para que queden ben lisiñas? En canto as saquemos do forno, collemos a bandexa, levantámola un chisco e deixamos que caia sobre a superficie onde as iamos pousar, dándolles un golpe para que reboten. Repetimos así ata 3 veces. Veremos que as bolachas se abren, quedando máis planas e con eses riscos que se ven na imaxe, por onde asoman as pingas de chocolate.
  8. Deixamos que arrefríen totalmente antes de comelas. E listo!

Como vos dicía, eu fixen 6 na bandexa e 6 na grella e así, en canto saquei unhas, xa puxen as outras dentro. O máis incrible destas bolachas é ver como se abren e forman eses riscos tan fermosos ao deixar caer a bandexa. É unha cousa curiosa e divertida, que de seguro que á cativada lle ha encantar! En canto ao sabor, eu diría que son unha mestura entre capirote e brownie! A manteiga de cacahuete dálle un sabor especial e, por suposto, o cacao aporta un toque chocolateiro do máis saboroso! Non sei que máis bondades contarvos para que preparedes estas marabillas. Só vos podo dicir, que para min son as bolachas de chocolate máis saborosas que probei nunca, e mira que son ben lambona! Bo proveito!!!

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.