A Viaxe Culinaria de Kukinhas

A Viaxe Culinaria de Kukinhas

Xa hai uns días que rondaba pola miña cabeza a idea de facer un pequeno artigo onde contarvos cousiñas sobre o libro A Viaxe Culinaria de Kukinhas para partillar convosco un anaco deste proxecto que é tan meu coma voso. Como non sabía moi ben como facelo sen enredar de máis, fíxeno cunhas sinxelas preguntas e respostas.

Por que un libro de receitas do mundo?

A idea era facer un libro en galego que non fose de receitas tradicionais galegas, pois a maioría dos libros de cociña en galego son de receitas galegas, e a nosa lingua pode falar de calquera gastronomía do mundo.

Que receitas atoparemos neste libro?

Hai receitas doces e salgadas. Máis ou menos unhas 30 doces e unhas 20 salgadas. Son receitas como as que atopades aquí no blogue, sinxelas, rápidas e con ingredientes que podemos atopar en calquera supermercado ou tenda de barrio.

Como se organiza o libro?

O libro está dividido en 5 apartados e continentes: América, Europa, África, Asia e Oceanía. Cada continente ten 10 receitas de países diferentes. Ao inicio de cada apartado, hai un pequeno índice co nome da receita e o país. Ademais, ao final do libro, hai outro índice con tódalas receitas xuntas.

Como están explicadas as receitas?

En cada receita teredes unha imaxe do resultado final, unha listaxe de ingredientes e a preparación paso a paso. Na fotografía, veredes tamén os tempos de enfornado, de preparación, de repouso e os moldes.

Ademais, ao pé de cada receita teredes algunha pequena información sobre a súa orixe, o sabor ou textura, de como presentar o prato, con que acompañalo ou pequenas receitas para facelo máis completo.

Que receitas recomendarías?

A verdade é que tódalas receitas teñen algo que as fai especiais, e os ingredientes son tan diferentes, que non se poden nin comparar, mais podería dicir que de lambetadas sorprendéronme moito os FRIANDS e de salgadas o SABAAYAD.

Hai receitas veganas ou vexetarianas?

Si, por exemplo: o Pad Thai, Cottage Pie, os ñoques de berenxena ou o Shakshouka, entre outras.

Hai receitas aptas para BLW?

Si, algunhas das receitas salgadas poden tomarse cos máis pequechos: Maaqouda, falafel, couscous…

Hai lambetadas sen azucre?

A verdade é que que sendo receitas máis ou menos típicas custa atopar larpeiradas sen azucre, mais si, algunha hai.

Hai receitas sen glute? 

Si, hainas doces como as trufas de cenoria e salgadas como as arepas.

Se alguén ten algunha dúbida máis, pode poñerse en contacto comigo nas redes sociais ou en kukinhasblogue@gmail.com. Aproveito para darvos as grazas a tódalas persoas que mercastes o libro, que seguides o blogue, que xa fixestes algunha receita… Grazas polas conversas gastronómicas, os consellos, o apoio e a aprendizaxe. GRAZAS sempre e moitas!!!

Kukinhas

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.