Brownies de Katharine Hepburn

Brownies de Katharine Hepburn

Gústame tanto probar novas receitas que aínda que teña unha que me guste e sempre me saia ben, prefiro probar outra nova e ver que tal o resultado. Eu adoito facer sempre a receita de brownies con crema de queixo que xa teño no blogue, a ademais cando descubrin estes brownies por primeira vez, debo confesar que non as tiña todas comigo… Unha receita de brownie sen chocolate… Mais vindo de Katharine Hepburn tiña a lixeira intuición de que ía ser unha receita desas para repetir. Ademais a receita ten historia.

A historia disque foi así. Estando Katharine Hepburn no hospital, foina visitar un amigo e levoulle uns brownies. Ela, ao probalos, díxolle que tiñan fariña de máis e aínda por riba moito tempo no forno. Os brownies non deben ter textura de biscoito, senón que deben ser máis húmidos e pegañentos. E así é, non hai peor cousa que un brownie seco e fariñento. A decisión de Katharine foi pasarlle ao seu amigo a súa receita dos brownies. E así foi como chegou ata nós.
Eu déixovos aquí a súa receita orixinal e despois cóntovos como me foi a min 🙂

Ingredientes:

  • 50 gramos de cacao
  • 113 de manteiga
  • 2 ovos
  • 200 gramos de azucre
  • 30 gramos de fariña triga
  • 125 gramos de noces
  • 1 culleradiña de vainilla
  • 1 belisco de sal

Tempo de preparación: 10 minutos
Tempo de enfornado: 40 minutos
Molde: cadrado de 20×20
Preparación paso a paso:
1. Derretemos a manteiga co cacao nun cazo ata que fique suave. Poñemos o forno a quentar a 160ºC.
2. Apartamos do lume e deixamos arrefriar durante uns poucos minutos.
3. Engadimos os ovos, un de cada vez.
4. Engadimos o azucre, a fariña, as noces, a vainilla e o sal.
5. Vertemos a masa nun molde de 20×20 e enfornamos durante 40 minutos. Non enfornes de máis, deben quedar pegañentos.
6. Deixa arrefriar (moi importante) e córtao en barriñas.
A única diferenza, no meu caso, foi que o meu molde é de 25×20 e, ao quedar a masa un chisco máis fina, só precisei 35 minutos, polo demais a receita é perfecta tal e como é! Eu adoito cubrir o molde con papel de aluminio para que sacar o brownie sexa máis doado. Son uns brownies con moito sabor, cremoseiros, doces, intensos… e 100% pura adicción. Recoméndovos moito que probedes esta receita porque de verdade que o resultado é espectacular. E xa vedes que tanto os ingredientes como o paso a paso son do máis doado.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.