Biscoito de kiwi

Biscoito de kiwi

Semella mentira que sendo o kiwi un produto tan presente xa na nosa terra, non houbera máis receitas con el no blogue. Das outras veces que tentara facer biscoitos, non remataba de aquelarme o resultado, mais desta vez non foi así. Iso si, non fixen fotos dos paso a paso porque moita fe non tiña, mais agardo que vos animedes a facelo porque está boísimo. Os ingredientes, coma sempre, moi sinxelos e o kiwi o gran protagonista, como non podía ser doutra maneira.

Ingredientes:

– 110 gramos de manteiga
– 225 gramos de azucre branco
– 1 belisco de sal
– 200 gramos de fariña triga
– 2 culleradiñas de fermento químico
– 1 vaina de vainilla
– 1 iogur grego
– 1 cullerada de améndoa moída
– 2 ovos
– 4 ou 5 kiwis

Preparación paso a paso:

1. Poñemos o forno a quentar a 180ºC. Batemos a manteiga e mais o azucre ata que fique una mestura cremosa.
2. Engadimos os resto dos ingredientes, agás os kiwis. Abrimos a vaíña da vainilla e botamos só as sementes.
3. Pelamos e cortamos os kiwis en cadrados, deixando un para decorar por riba.
4. Botamos 1/3 da masa nun molde engraxado de manteiga, poñemos uns cantos kiwis, tapamos coa masa e repetimos.
5. Decoramos con outro kiwi cortado en rodelas e enfornamos durante uns 50-55 minutos ou ata que un escarvadentes cravado no centro saia limpo. Se vemos que queda moi torrado por riba, pódese tapar cun anaco de papel de aluminio pasados mínimo 30 minutos.

Deixamos que repouse ata que estea frío dentro do molde e desmoldamos com moito tino, pois é un biscoito moi tenro. O resultado é un biscoito de textura manteigosa, suave, que se desfai no padal e cun sabor a kiwi e a vainilla espectacular.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.