Galletas de cabaciña e limón

Galletas de cabaciña e limón

Como aínda me parecía que tiña poucas receitas de cabaciña, aquí vai outra! E como é verdade que había máis receitas salgadas que doces, tocaba outra lambetada, mais desta vez algo diferente, pois ata o de agora sempre foran biscoitos, non si? As galletas sempre son unha receita que dá gusto facer, porque cando acabas, semella que terás lambetadas durante uns días… E digo semella porque fixen esta receita un día pola tarde e á mañá seguinte só quedaban 4, e si, saíron máis de 30, e non, non somos 20 na casa, somos 4 nada máis. Con iso creo que xa vos digo todo. Imos aló!

Ingredientes para unhas 30 galletas:

240 gramos de fariña
1 culleradiña de fermento químico
1 belisco de sal
150 gramos de azucre
170 gramos de manteiga
1 ovo
150 gramos de cabaciña relada (2 cabaciñas reladas)
Reladura dun limón e dunha laranxa

Preparación paso a paso:

1. Mesturamos a fariña, o fermento e o sal.

2. Batemos o azucre e maila manteiga ata que fique unha mestura cremosa.

nfd

3. Relamos as 2 cabaciñas, procurando non relar a parte das pepas, se as ten moi grandes. E apretando ben para sacarlles a auga.

4. Relamos unha laranxa e un limón.

5. Engadimos o ovo e mailas reladuras á manteiga.

6. A reladura de cabaciña.

7. E a mestura de fariña.

8. Formamos boliñas máis ou menos xeitosas coa axuda de 2 culleriñas e enfornamos a 180ºC durante uns 15 minutos ou ata que fiquen douradiñas polas beiras. E listo!

Recordade deixalas arrefriar na grella do forno para que non collan moita humidade, e gardalas nun recipiente con cerre para que se conserven no seu punto durante máis tempo, se non as acabades antes.

Non esperedes unhas galletas crocantes, son máis ben unhas galletas cunha textura algo abiscoitada (se se pode dicir así), cun sabor cítrico que a min polo menos gústacheme ben, e non, non se nota nada a cabaciña, mais si que vai moi ben para darlle saída ás cabaciñas da horta. De seguro que se as facedes, habedes repetir!

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.